A PS4 prepara un programa beta para o seu software de sistema

xoves, 20 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Dende a Xbox 360 Microsoft ten programas piloto para que os usuarios máis curiosos poidan participar na fase de probas final das súas actualizacións de sistema, de xeito que as novidades das consolas Xbox están ao alcance dun grupo reducido de usuarios con 1-2 meses de antelación, o que permite realizar probas dun xeito amplo, facilitando así a localización de erros antes da súa publicación oficial, e vendo o produtivas que resultan este tipo de iniciativas, Sony decide seguir os mesmos pasos, e anuncia agora o inicio dun programa de beta testing para a súa PlayStation 4.
Sony só aceptará a un grupo reducido de usuarios para o programa beta que comezará o 2 de decembro e para o que está aberta a inscrición, que poderán instalar no seu sistema de xeito anticipado unha nova versión do software de sistema da PS4, para así poder probar as novas funcionalidades das que aínda non adiantaron detalles, sendo sempre posible volver á actualización anterior no caso de ter algún tipo de problema coa actualización en probas.
O programa busca recibir feedback dos usuarios antes do lanzamento de novidades para a PS4, o que permite corrixir fallos ou incluso realizar modificacións que permitan mellorar o software antes da súa versión definitiva.

PUBLICIDADE