A PS4 poderá usarse para xogar remotamente á PlayStation 5

luns, 9 de novembro do 2020 Marcus Fernández

A poucos días de que a PlayStation 5 chegue a algúns países, hai usuarios de PlayStation 4 que están a sorprenderse ao ver que na súa consola aparece unha aplicación chamada PS5 Remote Play, ou sexa, que a función de xogo remoto para a nova consola non se limitaría a dispositivos móbiles e ordenadores persoais, senón que tamén estaría ao alcance de quen teñan unha PS4, facilitando así que, por exemplo, os usuarios que teñan unha PS5 no salón, poidan gozar dos xogos de nova xeración a distancia aproveitando unha vella PS4 dende outra habitación.
A nova aplicación deixa que os usuarios elixan xogar a 3 resolucións de pantalla diferentes: 540p (ou sexa, SD), 720p (a resolución predeterminada para o xogo en streaming) e 1080p (a resolución máis habitual en televisores e monitores).
Sorprende que saibamos desta aplicación a través de usuarios para os que está dispoñible actualmente e que Sony non a presentase oficialmente, o que probablemente aconteza esta semana, cando a PS5 chegue aos primeiros compradores en EE.UU., Xapón, Canadá, México, Australia, Nova Zelandia e Corea do Sur, mentres que en España non teremos a consola de xeito oficial até o 19 de novembro, e se a adquirimos en liña, pois Sony confirmou que non teñen existencias dabondo para que as novas máquinas estean dispoñibles en tendas físicas.

PUBLICIDADE