A PS4 poderá mercarse co xogo The Last of Us

venres, 27 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro 30 de xullo vai chegar ás tendas o xogo The Last of Us Remastered, unha versión remasterizada dun dos mellores xogos que se fixeron para a PlayStation 3 que deste xeito poderá gozarse na PlayStation 4 cuns gráficos mellorados, ofrecendo imaxes a 1.080p até a 60 cadros por segundo, contando tamén con melloras no modelado dos personaxes, na iluminación, nas sombras e nas texturas, así como a optimización para o mando da PS4, detalles que poderían non convencer para mercar o xogo de novo, pero si poden resultar moi atractivo de cara a novos compradores que non o verán como un xogo da anterior xeración de consolas. En vista do atractivo deste título, Sony decidiu que vai distribuír tamén un lote da PlayStation 4 co mando DualShock 4 que inclúa The Last of Us Remastered por un 429,99 euros.
Esta edición do xogo incluirá a expansión descargable Left Behind, os lotes de mapas descargables para PS3 e outros contidos adicionais (incluíndo todos os modos de dificultade), de xeito que permitirá que todos os contidos que chegaron para a anterior consola poidan agora gozarse cun maior nivel de detalle. Amais, os usuarios que mercaran algún DLC para PS3 tamén o terán dispoñible cando xoguen a esta versión remasterizada do xogo na PS4.


Trailer de The Last of Us Remastered

PUBLICIDADE