A PS4 actualiza o seu software de sistema

luns, 12 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Mañá é un día moi importante para os xogadores de PlayStation 4, xa que coincidirán no calendario o lanzamento so software de sistema 4.0 e a celebración dunha conferencia de Sony dende o Xapón que poderase seguir dende España ás 9:00 horas aínda que boa parte dos contidos que se presentará posiblemente non saian do país asiático.
A actualización do software da PlayStation 4 engadirá interesantes funcións á consola de Sony, como un lavado de cara da súa interface, a incorporación de cartafoles e un detalle do que deron conta ao anunciar os novos modelos de consola: a incorporación a todas as consolas PS4 a compatiblidade coa tecnoloxía de imaxe HDR, que permitirá gozar dunhas imaxes moito máis ricas en contraste e cor nos televisores compatibles.
O lanzamento das novas consolas, e pensando precisamente nos usuarios que actualicen a súa PS4, habilitan a posibilidade de transferir datos cara a unha PS4 a través de cable de rede, ou sexa, que deste xeito será moito máis rápido pasar todas as partidas gardadas e xogos a unha nova consola que tendo que descargar toda esa información da nube (especialmente para quen non conte con conexións de banda larga de moita capacidade).
A versión 4.0 do software de sistema da PS4 deixarase notar por contar cun menú rápido redeseñado para cubrir só parte da pantalla, de xeito que non sexa preciso saír dun xogo e poida personalizarse coas funcións máis utilizadas. Tamén resultará de grande utilidade a posibilidade de crear cartafoles nos que agrupar coleccións de xogos e aplicacións, que poderanse engadir tanto na biblioteca como na pantalla de inicio principal, o que resulta especialmente útil a estas alturas, cunha PS4 bastante consolidada e cunha maioría de usuarios con ducias de contidos na súa biblioteca (especialmente porque con PlayStation Plus reciben 6 elementos cada mes, o que engorda o catálogo en moi pouco tempo).
Podemos ver algún detalle máis sobre esta nova actualización no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE