A PS3 pechou setembro con boas vendas de videoxogos en España

xoves, 15 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Un mes máis aDeSE actualiza a listaxe dos xogos máis vendidos en España, e dá a impresión de que está a cambiar o panorama habitual e, aínda que a Wii continúa a liderar as vendas co seu Wii Sports Resort, ve coma o Wii Fit e o Wii Play teñen que conformarse cos postos 6º e 7º, mentres que a PlayStation 3 parece estar a gozar dunha excelente saúde copando a metade dos postos no Top 10 de vendas.
Son Need For Speed: Shift, Fallout 3, Batman Arkham Asylum, WWE Smackdown! Vs RAW 2009 e Colin McRae: DIRT 2 os xogos de PS3 que ocupan os postos 2, 3, 4, 8 e 9, o que resulta especialmente rechamante por ser unha relación de xogos multiplataforma, tamén dispoñibles para a Xbox 360, consola que só consegue colocar un título na 10ª posición (Halo 3: ODST, exclusivo para a consola de Microsoft). Parece así que España é un mercado excepcional, no que a PS3 ten un éxito moi superior ao do resto de Europa. Por exemplo, no mercado británico a Xbox 360 é a consola que lidera as vendas de xogos, o que queda en evidencia especialmente nos xogos multiplataforma, e a Wii ten unhas vendas moito máis modestas que as españolas, polo que podemos entender que estamos ante un mercado máis maduro.
Volvendo ás vendas españolas, tampouco hai que esquecer que Los Sims 3 (xogo de ordenador para Windows) conseguiu un digno 5º posto e, aínda que perdeu o seu pulo inicial, mantén un bo nivel de vendas, como vén a ser habitual nesta franquía.
Cómpre destacar que as consolas portátiles non conseguiron situar ningún xogo entre os 10 máis vendidos.

PUBLICIDADE