A PS3 estrea os seus 4 primeiros xogos en 3D

xoves, 10 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Hoxe é o día agardado polos usuarios da PlayStation 3 que teñan a fortuna de contar cun televisión 3D, posto que finalmente está dispoñible a 3D Collection, un paquete de 4 xogos (WipEout HD, SuperStardust HD, PAIN e a demo de MotorStorm Pacific Rift) que poden mercarse en conxunto por 29,99 euros ou adquirirse de balde coa compra dun paquete de Sony Bravia 3D TV. Os usuarios que teñan os xogos indicados poderán descargar unha actualización que permitirá gozar dos mesmos en 3D.
Polo momento a actualización da PS3 limítase ao uso da tecnoloxía estereoscópica nos videoxogos, aínda que é de agardar que despois do verán lancen un novo firmware que engade o soporte de películas 3D en Blu-ray, incrementando as posibilidades dos televisores 3D, que actualmente resultan pouco prácticos pola ausencia de contidos para os mesmos.
Esta interesante estrea coincide no tempo coa posta á venda no Xapón de 2 modelos de televisor da serie BRAVIA de 40 e 46 polgadas con posibilidades 3D, que non só poderán aproveitarse coa PS3, senón que tamén serían aptos para a visualización estereoscópica de retransmisións televisivas entre as que destacan eventos deportivos coma o Mundial de Fútbol que comeza nestas datas, e que contará con 25 partidos que poderán verse en 3D en boa parte do mundo.

PUBLICIDADE