A Ourense ICC Week ofrece un completo programa de probas, certames e charlas arredor dos eSports

martes, 12 de marzo do 2019 Redacción

A semana ourensá das industrias culturais e creativas, a Ourense ICC Week, vén de abrir o prazo de inscrición para participar nas competicións de deportes online (eSports) do programa desta edición 2019, que se desenvolverá entre os días 5 e 7 de abril. Segundo lembra a Deputación de Ourense, a entidade organizadora da semana, o programa materializarase no Liceo e abranguerá competicións de motor (Escuderías e Fórmula 1), de FIFA 19 e de Fortnite, así como un simulador de rally e unha charla-coloquio sobre Videoxogos: dos riscos ás oportunidades.
As ligazóns para inscribirse nos eSports xa están dispoñíbeis na páxina ourenseiccweek.com. O obxectivo da Deputación é facer que a semana, alén doutras outras cousas relacionadas coa vangarda da nosa creatividade, sexa tamén “un punto de encontro da comunidade gamer galega”.
Volvendo aos detalles do programa, un dos seus puntos fortes será, como dixemos, as competicións arredor do automobilismo. Haberá dúas grandes liñas de actividade: por unha banda as finais de SCE (Supercompetición de Escuderías) e pola outra a SF1 (Supercompetición de Fórmula 1) de MundoGT, que reunirán aos mellores equipos e pilotos profesionais deste eido deportivo-dixital. Segundo informa a Deputación, estes torneos serán retransmitidos a través de Movistar eSports e outras canles online. As dúas citas do motor virtual traerán a cidade de Ourense equipos do talle de Vodafone Giants, Williams eSports (filial da escudería deF1) e Campos eRacing 101 pneumáticos, entre outros, que compiten a nivel mundial.
A maiores, para o público en xeral celebraranse tres competicións de balde: unha sobre Fortnite; outra sobre clásico do fútbol FIFA 19, e, volvendo ao eido do motor, outra sobre simulador de rally Dirt 2.0. Estes torneos incluirán tamén os Premios Bermello, agasallos para os gañadores que abranguen consolas PS4 Slim, mandos dualshock e tarxetas prepago PSN.
Segundo engade a organización da semana, os torneos gañarán un ingrediente de “espectacularidade e emoción” ao contaren coa presenza activa de caster (comentador das partidas de videoxogos a través de Internet) do equipo de Alfonso Rodríguez, creador e propietario das marcas de plataformas e videoxogos mais importantes a nivel nacional: MundoGT, Paraíso Gamer ou Comando Gol, e colaborador oficial de grandes marcas como Sony, Logitech e Thrustmaster. Os torneos transmitiranse en directo a través de Internet en canles especializadas.
Medios
A Deputación de Ourense sinalou os días pasados que, para esta edición, a ICC eSports contará cun importante despregue. De feito, os torneos disporán de 12 postos de consolas PS4 e 8 simuladores profesionais de condución. O equipamento para os pilotos que cheguen á final incorporará as seguintes marcas e modelos: Samsung (monitor UHD de 32", pantalla panorámica con 4 veces máis píxeles que Full HD, con máis espazo e imaxes moi reais en UHD), Custom Cockpit (chasis KR90 GTS, compatíbeis con calquera tipo de volantes e pedaleiros, coa maior robustez e comodidade, incluíndo tamén side panels para darlle ao conxunto máis dinamismo) e ThrustMaster (o volante T-GT, os novos auriculares T.Racing Scuderia Ferrari Edition e o BT Led Display, unidade sen fío para ter toda a información ao alcance dunha ollada).
Charla-coloquio
O venres 6 de abril, ás 11.30 horas, no Liceo de Ourense, celebrarase unha charla-coloquio sobre Videoxogos: dos riscos ás oportunidades dirixida aos centros educativos, para mozos de entre 12 e 17 anos. A conferencia estará dirixida por José Luis Montiel Castaño, licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Médico na Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e seareiro do mundo dos videoxogos, a través de Gaiás Gaming quere fomentar o uso responsábel dos servizos e ferramentas de aventuras e deportes en liña e advertir sobre os riscos do seu mal uso.
Tamén participará como relator Alfonso Rodríguez Iglesias, fundador de MundoGT, referente en España de competicións virtuais de motor, e creador doutras plataformas dixitais orientadas aos eSports. Traballou coas feiras de gaming máis importantes e ademais é comentarista (caster) de varios xogos. Actualmente recolle as actividades das súas marcas baixo a súa empresa Paraíso Gamer.

PUBLICIDADE