A Ourense ICC Week achegará máis de 70 horas de programación

venres, 22 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A quinta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, a Ourense ICC Week, vai ofrecer (entre o 2 e o 7 de abril) máis de 70 horas de programación sobre unha decena de vertentes temáticas diferentes (aínda que complementarias) da vangarda creativa. Así nolo comunicou esta semana a Deputación de Ourense, organizadora do evento, unha iniciativa multidisciplinar que busca facer comunidade, sen saírnos da provincia, arredor da moda, a publicidade, as tendencias tecnolóxicas, a animación, os videoxogos e os espectáculos musicais, entre outros ámbitos de expresión. Con este obxectivo, a organización quere xuntar en Ourense as creadoras e creadores máis sobranceiros do panorama actual galego, estatal e mesmo internacional.
O devandito programa de 70 horas de contidos desenvolverase en oito espazos diferentes da cidade das Burgas. Serán en total dúas ducias de citas na programación con 13 mesas de traballos con 25 relatores de primeiro nivel, 7 concertos de diversos estilos e outras opcións de lecer como obradoiros para nenos, videoxogos ou humor.
Segundo fixo saber a Deputación, o obxectivo desta edición é o mesmo có do comezo: “Poñer en valor a actividade económica dun sector clave na Europa do século XXI, e converter así a provincia de Ourense no punto de encontro cultural e creativo, xerando un debate enriquecedor ao redor do pensamento de vangarda”.
Os organizadores destacaron que agás as citas do Teatro Principal e o Auditorio, a meirande parte dos eventos da programación son de balde e abertos a todo o público, sempre previa reserva de invitación a través da páxina web www.ourenseiccweek.com.
A vertente TIC
Respecto das cuestións que nos ocupan en Código Cero, as novas tecnoloxías, o apartado dixital da semana terá “carácter formativo” cunha clase práctica de animación en 3D. A charla correrá a cargo da Escola Trazos, unha academia de vangarda, que leva máis de 25 anos formando a profesionais do deseño en diversas disciplinas: deseño gráfico, desenrolo web, animación, VFX, pos-produción, videoxogos, mobile design, social media, fotografía, arquitectura e son dixital. O relator da clase maxistral será o ex alumno da Escola Trazos, Aníbal Santaella, que abordará todo o proceso de creación dunha curta de animación. A sesión será o venres 5 de abril ás 12.00 horas, no Auditorio da Sede Afundación.
Pola súa banda, a mesa adicada a tendencias e tecnoloxía desta edición terá como relator ao recoñecido analista tecnolóxico Jaime García Cantero. O director de contidos de País Retina analizará o impacto que a Intelixencia Artificial pode ter nas nosas vidas transformando a cultura, a economía ou a política. Este evento será tamén no Auditorio da Sede Afundación, o venres 5 de abril, de 16.00 a 18.00 horas.
Amais desta faceta formativa nas TIC, a semana ofrecerá unha marxe ampla para os eSports, xuntando seareiros e profesionais dos videoxogos arredor desta nova modalidade deportiva e de lecer, estreitamente ligada ás redes e ás plataformas. A programación sobre esta temática ocupará espazo nas xornadas do xoves 4, venres 5, sábado 6 e domingo 7, sendo nas citas da fin de semana cando se celebren os torneos gratuítos de FIFA 19 e Fornite en plataforma PS4 con retransmisión en liña e premios para os gañadores.
O apartado dos deportes en liña inclúe ademais unha charla que, baixo o título Videoxogos: dos riscos ás oportunidades, estará dirixida aos centros educativos para mozos de entre 12 e 17 anos. A conferencia estará dirixida polo doutor José Luis Montiel Castaño e polo fundador de MundoGT, Alfonso Rodríguez Iglesias. Trátase dunha sesión divulgativa orientada ao fomento do uso responsábel dos videoxogos e tamén a advertir sobre os riscos derivados do seu mal uso.

PUBLICIDADE