A Oficina de Software Libre de Ames organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice

martes, 17 de setembro do 2024 S. P.

O sábado 21 de setembro volve organizarse unha nova actividade da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre de Ames, unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello. Desta volta, verase como aproveitar algunhas das características que incorpora LibreOffice, e que son menos coñecidas polos usuarios desta suite ofimática aberta (non privativa), como compartir documentos cos usuarios doutras ferramentas ofimáticas, configurar correctamente o idioma preferido, exportar documentos a PDF híbrido ou como asinar dixitalmente un documento.
Os participantes deberán levar un equipo propio cunha instalación de LibreOffice. A inscrición pódese realizar premendo na ligazón habilitada pola Oficina.
A actividade impartirase na Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames, situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:30 horas.
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como punto de encontro onde aprender, compartir e construír.
Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu diferentes actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou o obradoiro Posta a punto, reciclaxe e instalación do teu computador; outro sobre bicicletas eléctricas e mantemento de baterías; e un terceiro denominado Repair café de equipos informáticos.