A Oficina de Software Libre da USC ofrece este verán un bo número de cursos

xoves, 7 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Xornada de localización ao galego organizada pola Oficina

A Universidade de Santiago, a través da súa Oficina de Software Libre, conta cun amplo e interesante programa de accións formativas e divulgativas de verán relacionadas coa promoción e uso da programación aberta. Entre esas actividades inclúese o curso Boas prácticas na informática e na Internet con ferramentas Floss, proposta divulgativa a desenvolver este mes de xullo (días 23 e 30) e co remate previsto para agosto, o día 6. Nesta actividade, na que participarán expertos en materia de informática libre como Roberto Brenlla (fundador da asociación AGNIX), informarase das moitas vantaxes que pon en xogo a tódolos niveis a programación libre, facendo fincapé na compatibilidade, no aforro en licenzas e custes e na marxe de adaptación que ofrecen os programas de código aberto.
Este será, principalmente, o eixe temático da primeira sesión. Na segunda, trataranse as boas prácticas na ofimática con recomendación sobre os formatos nos que se deben comprimir e gardar documentos, como realizar un documento de texto ou unha presentación así sobre que ferramentas de utilidade en ofimática poden usar os usuarios. O enxeñeiro e coordinador da Oficina de Software Libre da USC, Enrique Estévez, encargarase de desenvolver este tema, conta a USC. Como remate, a actividade centrarase na comunicación na rede, afondando en cuestións como a mensaxeiría instantánea, o correo electrónico ou as redes sociais. Esta sesión contará coa presenza de Denís Fernández, presidente da Asociación Grupo de Usuarios de Linux de Galicia.

Máis actividades

Con todo, e tal como sinalamos ao comezo deste texto, a oferta formativa da Oficina de Software Libre da USC non remata co devandito curso sobre boas prácticas. Segundo nos conta Enrique Estévez, coordinador do dito departamento, a listaxe de accións non deixa ren sen cubrir. Cómpre que lles botemos un ollo a cada un dos cursos, posto que todo indica a que a programación en aberto será unha das grandes estratexias do noso sector TIC ao longo dos anos vindeiros, con todo o que isto implica de estandarización en termos de programación aberta a nivel administrativo, educativo e empresarial.
· Traballo diario con Ubuntu. O sistema operativo e do proxecto ABALAR.
· Localización de aplicativos ao galego. Aprende traducindo.
· Deseño e autoedición con software libre: logotipos, revistas e retoque fotográfico.
As actividades son de especial importancia a tódolos niveis, tanto para estudantes como docentes e profesionais das TIC.

PUBLICIDADE