A Oficina Virtual Tributaria recibiu en 2013 case 670.000 accesos, un 12,5% máis ca no ano anterior

luns, 24 de marzo do 2014 Redacción

JPEG - 229 KB
Mauro Fernández Dabouza, director do CIXTEC

A Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Xunta de Galicia vén de achegarnos unha serie de cifras sobre o aforro acadado a través da súa actividade e sobre o emprego que fai da Oficina a cidadanía galega, cifras que xa tivemos ocasión de avanzar dende Código Cero co comezo do ano. A OVT, que como lembraremos depende da Axencia Tributaria de Galicia e o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), constitúe unha extensa oferta de servizos públicos electrónicos que se poden realizar de xeito telemático e que procuran a prestación dun mellor servizo á cidadanía. A OVT, cuxo beneficio máis directo é a redución de cargas administrativas (facilítanos os trámites coa administración, evitando desprazamentos), permitiu aforrar a cidadáns e empresas preto de 113 millóns de euros desde 2009, ao tempo que “serviu para mellorar a produtividade na Administración e elevar a transparencia cara o contribuínte”, informan os seus responsábeis directos. A Oficina recibiu en 2013 un total de 669.589 accesos, o que representa un incremento do 12,5% respecto a ano anterior e do 30,5% dende 2009.
Na actualidade, esta ferramenta telemática recibe máis de 1.800 accesos ao día, o que demostra, en palabras da Axencia Tributaria e o CIXTEC (dependentes á súa vez da Consellería de Facenda), “o uso cada vez maior das novas tecnoloxías na presentacións dos impostos xestionados pola Xunta”. De feito, o cen por cen dos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia poden presentarse xa por vía telemática, o que permite que calquera contribuínte poida realizar este trámite as 24 horas do día e tódolos días anos, “sempre coa máxima seguridade”. Por certo que tamén se poden levar a cabo por esta canle os pagamentos de taxas, prezos, multas e sancións.
Segundo se reflicte na investigación recente sobre a actividade da Oficina Virtual Tributaria,
case o 60% das autoliquidacións de impostos presentadas ao longo do ano pasado materializáronse a través de Internet. Por outra banda, as presentacións en papel foron caendo neste período até unha taxa do 42%. De feito, dende 2009 o peso dos trámites por vía telemática medrou en máis de 11 puntos, da mesma forma que se van reducindo as presentacións polo vieiro tradicional (en papel).
En total, a Oficina Virtual Tributaria da ATRIGA recibiu o pasado ano 211.591 autoliquidacións por Internet. Isto significa entre outras cousas que a cifra acumulada dende 2009 supera xa o millón. Ademais, cidadáns e empresas tramitaron 293.998 valoracións de bens a través desta ferramenta, un 63% máis que hai cinco anos.
Lembrar que entre os servizos públicos electrónicos que ofrece a OVT figuran a confección e impresión de modelos de autoliquidación, a declaración e pagamento telemático de tributos e outros servizos xerais, como consultas, valoracións de bens inmóbeis, valoración de vehículos usados, verificacións de documentos ou certificacións. Outro dos eidos de actuación deste mecanismo é a emisión electrónica de certificados de débedas. Así, a través da vía telemática emítense certificados a terceiros para cumprir requisitos en solicitudes de axudas, subvencións ou contratos.
Segundo se lembra no reconto de actividade ao fío da OVT, o “progresivo desenvolvemento da Oficina supón un importante aforro de tempo e de custos para a cidadanía, xa que con moita frecuencia lles evita acudir en persoa ás dependencias da Administración para realizar determinados trámites que agora pode realizar dende o seu domicilio”. Por outra banda, o pulo do vieiro telemático na tramitación de impostos achega igualmente vantaxes para a propia Administración autonómica. Entre outras cousas, implica unha redución de cargas administrativas, unha maior transparencia na relación cos cidadáns e unha mellora da produtividade.
Como dixemos, a OVT depende da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) e o CIXTEC, á súa vez integrados na Consellería de Facenda. Responde a un compromiso destes departamentos por integrar no seu seo as novas tecnoloxías coa finalidade de procurar a mellora de procesos e a simplificación dos procedementos, todo para facilitar o exercicio dos dereitos da cidadanía a realizar o máximo número de trámites de forma electrónica, reducindo asemade os tempos de tramitación e os custes inherentes aos mesmos. Entre os servizos máis importantes que facilita a OVT (sobre todo polo alto índice de presentacións telemáticas) atópanse os referidos o imposto de transmisións de vehículos usados e os de sucesións e transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, destacando tamén os relativos ás máquinas recreativas, bingo, casinos, imposto sobre a contaminación atmosférica e imposto sobre o dano medioambiental por augas encoradas.
Ademais dos procedementos para cumprimentado, pagamento e presentación de impostos de xeito telemático, hai outros procedementos de natureza tributaria contemplados na carta de servizos públicos electrónicos que resultan de interese para a cidadanía. Entre eles hai que sinalar a valoración de bens inmóbeis, a valoración de vehículos usados, a validación de documentos mediante o código seguro de verificación, a presentación de recursos, as autorizacións de representación, etc.

PUBLICIDADE