A Oficina Agraria Virtual da Xunta estrea novos servizos telemáticos

mércores, 1 de xuño do 2011 Raquel Noya

Seresco, compañía socia de Ineo dedicada ao desenvolvemento de solucións de software e servizos no ámbito das TIC, vén de implantar unha aplicación na Oficina Agraria Virtual da Xunta que, entre outras cousas, lle permitirá aos gandeiros e gandeiras galegos evitar trámites que ata o de agora esixían dunha atención presencial e que poderán ser solucionados comodamente dende as súas casas.
Desta maneira, cúmprese o que anunciamos en Código Cero a finais do mes de abril, e a ferramenta virtual xa lle permite aos gandeiros galegos, realizar en liña tódolos trámites relacionados coa declaración de nacemento do gando, coa solicitude de duplicados de marcas de identificación auricular, e coa comunicación de movementos de gando, entre outras funcións que xa tiña habilitadas anteriormente.
Máis polo miúdo, grazas a esta nova aplicación engadida por Seresco, a OAV permítelle aos gandeiros consultar o censo que tiña unha explotación calquera nunha data concreta; recadar información dos datos básicos dunha res (tales como raza, sexo, crotal, identificación da nai, data de nacemento…) xunto co seu historial de movementos de entrada e saída nas explotacións do usuario; cambiar os seus datos persoais, levar a cabo declaracións de alta por nacemento, ou automatizar o envío físico do Documento de Identificación Bovino (DIB)…
Asemade, o sistema permite a autenticación mediante usuario/contrasinal, certificado dixital ou DNI electrónico, así como o acceso total ou parcial a un terceiro, para executar funcións en nome do interesado, mediante xeración de códigos de autorización.
Tamén permite a súa integración con plataforma de envíos de avisos (SMS e/ou correos electrónicos) e co Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, que aforra tempo e cartos aos usuarios.
Esta aplicación, ao igual que outras implantadas no marco da Axenda Dixital 2014.gal, está orientada a facilitar os trámites e a comunicación da cidadanía coa Administración, e vén motivada, segundo afirman dende Seresco, pola “gran cantidade de axentes (gandeiros, membros das ADS, responsables sanitarios...) que interactúan diariamente coa Consellaría do Medio Rural para realizar distintas xestións”.
Xa en 2008, esta mesma Consellaría contou coa colaboración de Seresco para o desenvolvemento dun proxecto web, que, entre outras funcións, permitía a emisión das guías de porcino a través de Internet; o éxito desta iniciativa, levou á entidade pública a estender o proxecto, creando o que hoxe é a Oficina Agraria Virtual, a través da que lle ofrece todo tipo de servizos telemáticos aos gandeiros de todo o país.

Características técnicas

Segundo infoman dende Seresco, o aplicativo desenvolveuse utilizando o framework Aries, unha plataforma de código aberto de seu para o desenvolvemento de aplicacións web de xestión con interface de usuario rica. Esta plataforma permite unha alta produtividade, de modo que facilita realizar aplicacións cun custo baixo en relación coa complexidade destas.
Trátase dunha aplicación JEE, con servidor de aplicacións Tomcat, Spring, acceso a datos a través de Hibernate (a través de JPA) e base de datos Oracle. Ao tratarse dun aplicativo web, para executalo unicamente será necesario ter instalado algún dos principais navegadores (Internet Explorer, Mozilla...). Arquitectura totalmente aberta e 100% Java. JEE. Está baseada nunha Arquitectura Orientada a Servizos (SOA) de modo que ofrece unha serie de servizos que poderán ser reutilizables dende outras aplicacións. Trátase dun sistema escalable, compatible e interoperable con outros. Todas as librarías empregadas son de balde ou de libre distribución.

PUBLICIDADE