A OSLUC inaugura en Santiago o seu Fiadeiro de localización de Software libre

xoves, 30 de abril do 2009 Raquel Noya

A Oficina de Software Libre da USC vén de inaugurar hoxe, xunto coa Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) e o Servizo de Normalización Lingüística da mesma entidade académica, un Fiadeiro de Localización que achegará aos asistentes as técnicas de tradución ao galego de aplicativos de código aberto.
O obradoiro, que se comezou a impartir hoxe na Universidade de Santiago de Compostela, conta coa colaboración de Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, que aporta a súa experiencia no eido da localización ao software libre e fornece toda a documentación que, sobre esta materia, ten xerado no transcurso dos últimos anos de actividade.
Esta iniciativa pretende promover a participación da comunidade universitaria no proceso de normalización lingüística e de progresiva adopción do software libre na USC, un obxectivo que, segundo os organizadores, “non semella estar tan afastado, de terse en conta as grandes expectativas que a iniciativa está a xerar entre toda a comunidade universitaria”.
O curso desenvolverase nun total de tres xornadas, a primeira das cales tivo lugar hoxe entre as 11 e as 14 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Nesta sesión, ao igual que no programa previsto para o vindeiro día 7 de maio, os relatores introduciron aos asistentes nos distintos aspectos da tradución de software libre e das metodoloxías e estándares xeralmente empregados nos proxectos de localización.
Esta primeira acción formativa da mañá de hoxe foi impartida polos técnicos da Oficina de Software Libre da USC, a quen se unirá, na xornada do día 7, o lingüista de Mancomún, Antón Gómez Méixome.
A intervención de Méixome centrarase na exposición dos distintos recursos lingüísticos dispoñíbles para tradutores, tales como o Manual de Localización ou o Glosario de termos, elaborados baixo a coordinación de Mancomún e sobre o que traballarán os asistentes ao curso. Por outra banda, incidirá na importancia da aplicación de criterios de xestión de calidade lingüística, da xerarquización de recursos ou da relevancia dos roles asignados nos equipos de localización.
O Fiadeiro de Localización concluirá cunha sesión práctica o vindeiro día 9 de maio, que terá lugar entre as 10 e as 19 horas. Esta xornada permitiralles aos asistentes poñer en práctica os coñecementos adquiridos ao longo do curso, para o cal se marcará como obxectivo a tradución íntegra da plataforma de desenvolvemento Netbeans co programa de CAT Omega-T.
As conclusións e resultados serán presentados posteriormente nun acto público na ETSE, no que se distinguirán aos mellores equipos polo labor realizado e do que participarán representantes da Universidade e da Administración pública, “co fin de dotar de maior proxección unha actividade orientada a fomentar o uso do galego no marco das novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE