A OCU sae en defensa de BlaBlaCar é di que é legal e non fai competencia desleal

mércores, 30 de setembro do 2015 Fernando Sarasketa

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) vén de saír en defensa do servizo BlaBlaCar.es, como lembraremos plataforma en liña centrada en facilitarnos viaxes en vehículos compartidos. Ou sexa, centrada en permitirnos rendibilizar desprazamentos compartindo coches e aforrando en combustíbel, traballo e emisión de CO2. BlaBlaCar, servizo do que falamos hai uns días para dar conta do uso que lle damos os galegos (un uso crecente), está no punto de mira dos colectivos de transportistas por consideralo competencia desleal (sinalan que BlaBlaCar fai negocio funcionando como rede social que une xente para viaxar, e engaden que isto en ultima instancia lles correspondería a eles: taxistas e compañías de buses). Agora, a OCU sae en defensa da comunidade de viaxeiros dicindo que non só cumpre coa Lei senón que non fai competencia desleal.
Isto sae a conto pola recente demanda contra BlaBlaCar feita pola patronal de autobuses, CONFEBUS. Porén, na Organización de Consumidores e Usuarios teñen claro “que esas acusacións non teñen xustificación algunha”, comezando pola acusación feita por CONFEBUS sobre a falta de licenza dos condutores unidos en BlaBlaCar para facer “unha actividade profesional de transporte”. A OCU opina a este respecto que a patronal “non comprende o alcance do consumo colaborativo”, un tipo de consumo que inclúe “un novo xeito de comunicármonos” e que pon en contacto a cidadáns co obxectivo común de compartir un traxecto: “Uns teñen coche, outro non, e todos acordan o punto de orixe, destino, a hora de saída... Pero BlaBlaCar non conta con vehículos propios nin contrata a condutores nin pode ser considerada como intermediario segundo o establecido pola Lei de Ordenación do Transporte Terrestre”, explica a OCU, que engade que BlaBlaCar de maneira notoria non ten arela de lucro, nin tampouco os usuarios. “O único que fan”, di, “é compartir gastos de viaxe, cousa que está permitido facer segundo a Lei de Ordenación do Transporte Terrestre, artigo 101.
Para profundar nestes puntos, a OCU realizou un estudo sobre mobilidade alternativa que se publicará en novembro e que certifica, nas súas palabras, até que punto resultaría imposíbel enriquecernos como condutores a través da rede social demandada: “Para cubrir a gasolina, as hipotéticas peaxes, o desgaste dos pneumáticos, a depreciación do coche, o seguro, os impostos... faría falta que o condutor levase case 6 pasaxeiros, só a partir de aí empezaría a gañar diñeiro”, explica a OCU.

PUBLICIDADE