A Noite das Telecomunicacións exhibirá un vehículo autónomo do CTAG

mércores, 22 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A XXIV Noite Galega das Telecomunicacións que se celebra este venres en Oleiros, na Finca Montesqueiro, vai ter unha serie de alicientes extra que se engaden aos seus xa de por si relevantes ingredientes. Por exemplo, vai ser un centro de debate sobre unha das tecnoloxías que máis vai dar que falar nos vindeiros anos: o novo estándar de telecomunicacións móbiles 5G. Asemade, servirá para mostrar as potencialidades dun prototipo de vehículo autónomo deseñado polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).
Coa exposición deste modelo, a organización do evento (o Colexio e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, COETG-AETG) pretende chamar a atención sobre un dos múltiples fitos que serán posíbeis grazas ao impulso das ditas redes 5G: o da condución autónoma e conectada.
A Noite, amais de servir para amosar a converxencia tecnolóxica do 5G (o fío temático da cita), servirá para entregar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019, que concede o COETG-AETG para distinguir o emprendemento, a investigación e as boas prácticas no sector TIC da nosa terra.
Recoñecemento ao CTAG
Un destes galardóns, o Premio Socio de Honra 2019, recoñece “a contribución de CTAG ao impulso das TIC a través dos diferentes proxectos de vangarda que desenvolve como é o caso do proxecto do vehículo autónomo”. Este vehículo, que se exporá nas instalacións da Finca Montesqueiro onde se celebra a Noite, reflicte os últimos avances da automoción galega en arquitectura electrónica do vehículo, así como en desenvolvemento de sistemas de visión e percepción, mapas dixitais, fusión de datos e outras funcións como conectividade ou sistemas de comunicación, entre outras tecnoloxías.
Segundo lembra a organización da Noite, o vehículo autónomo “constitúe unha das grandes liñas estratéxicas do CTAG”, entidade que leva apostando 15 anos polo avance da electrónica e dos sistemas intelixentes nos automóbiles, cuns equipos multidisciplinares nos que traballan 350
persoas e que centran o seu labor en deseñar novos conceptos centrados na interacción do vehículo e os seus ocupantes, no desenvolvemento de hardware e software específicos e na validación virtual e física de compoñentes, así coma en sistemas de laboratorio e pistas de proba e estrada.

PUBLICIDADE