A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia celebrarase o 1 de xullo

martes, 26 de abril do 2022 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará a súa XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago, evento un punto de encontro entre os colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.
Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
No marco da gala entregaranse os Premios da Noite, con 11 categorías nas que as colexiadas e colexiados recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. Os galardóns de 2021 recaeron en: Samsung Electronics Iberia polo seu proxecto Tallk destinado a facilitar a comunicación das persoas enfermas de ELA, Premio e-Inclusión; a empresa galega Councilbox, Premio Iniciativa Emprendedora;
Red Mundo Atlántico, Premio Iniciativa Empresarial; o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) polo seu proxecto Quantum Computing destinado a colocar a Galicia como un referente internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030, Premio Iniciativa da Administración; o Premio Ada Byron foi para a enxeñeira en informática Ana Freire, experta en intelixencia artificial e recuperación de información; o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña polo seu proxecto Talentos Inclusivos destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade e dar visibilidade ás persoas con diversidade funcional, Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino; o enxeñeiro en informática Carlos Eloy López Blanco, Premio Traxectoria Profesional.
Ademais, en 2021 o Premio Traballo Fin de Máster recaeu en Elisa Fernández Álvarez polo desenvolvemento dunha ferramenta que permite a xestión e explotación dos datos de carga viral obtidos a partir da análise de augas residuais e que son empregados para realizar predicións de casos da COVID-19 na UDC; Mateo Valero Cortés, director do Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación, impulsor da supercomputación en España e Europa recibiu a distinción de Colexiado de Honra; o Premio Especial A Noite foi para Balidea, Emetel, Inycom e Minsait polo seu permanente apoio á entidade colexial e á gala de referencia do sector TIC en Galicia; e o Premio Especial a Código Cero no seu 20 aniversario.

PUBLICIDADE