A Noite Galega das Comunicacións será conducida polos actores Carmen Méndez e Carlos Blanco

mércores, 21 de setembro do 2016 Redacción

A actriz Carmen Méndez, protagonista da exitosa serie Pazo de Familia

O 30 de setembro é a data elixida para a celebración da edición número 21 da Noite Galega das Comunicacións e da Sociedade da Información que se levará a cabo no Gran Hotel da Illa da Toxa. A gala será conducida pola actriz Carmen Méndez (da serie Pazo de Familia da TVG) coa axuda do monologuista e tamén actor Carlos Blanco e cóntase que a ela acudan 300 profesionais e empresarios do sector. Indo ao miolo da xuntanza, esta dará comezo cun cóctel de benvida e unha sesión de networking, á que seguirá a gala, na que se entregarán os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016. A Noite rematará cunha cea de confraternidade.
En canto aos galardóns, cómpre dicir que o Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC foi para Monet Viticultura, pola introdución das TIC en sectores onde achegan valor a procesos tradicionais, e pola súa aplicación a mercados amplos. Amais disto, o xurado tivo tamén en conta a orientación desta empresa á exportación e a súa actividade en I+D+i e a creación de emprego tecnolóxico. O Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC recaeu en Beatriz Remeseiro López, por Avances na diagnose do síndrome de ollo seco: desenvolvemento de métodos automáticos para a avaliación de patróns na capa lípida da película lacrimal. O xurado salienta que a tese achega solucións para un problema de saúde pública (síndrome do ollo seco) que afecta a unha grande parte da poboación maior de 65 anos. Este traballo demostrou a súa aplicación académica e na industria da saúde, e ten un claro potencial de transferencia da tecnoloxía desenvolvida.
O Premio Ineo ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2016 foille concedido a EGATEL S.L. polo proxecto SmartLNB. Valorouse o carácter innovador do uso eficiente das capacidades de transmisión de datos vía satélite e a amplitude das súas posíbeis aplicacións, amais da súa contribución á transformación dixital de diversos ámbitos (saúde, fogar dixital e sector industrial).
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais (en colaboración coa AMTEGA) recaeu en EOSA, pola creación de INclue, sistema tecnolóxico innovador para a valoración técnica da exclusión social en base a criterios homoxéneos. O xurado atendeu a que a ferramenta permite unha estimación precisa do grao de exclusión social dunha persoa.
O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, concedéuselle ao Real Club Celta de Vigo, por liderar o desenvolvemento de sistemas tecnolóxicos que complementan aos partidos de fútbol e que favorecen a implicación dos seareiros.
O Premio ao Mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo foi para Daniel Rodríguez Domínguez.
E o Premio Enxeñeiro do Ano (outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia) recaeu en César Mariñas Dávila, pola súa traxectoria en postos de responsabilidade en diferentes empresas do sector TIC e no exercicio libre da profesión. Alén disto, tamén se recoñeceu a súa profesionalidade e independencia, amais da súa contribución ao desenvolvemento das telecomunicacións en Galicia.

PUBLICIDADE