A Nintendo Switch supera os 10 millóns de unidades

martes, 12 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Nintendo vén de facer públicas as vendas da Nintendo Switch, consola que entre o seu lanzamento o pasado 3 de marzo e o pasado día 10 tería superado os 10 millóns de unidades vendidas, o que é un éxito rotundo, especialmente se temos en conta que aínda non chegou o Nadal, cando é previsible que a nova máquina sexa a máis vendida, grazas en boa medida ao pulo de Super Mario Odyssey (o xogo de tempada) e de The Legend of Zelda: Breath of the Wild (título que está a gañar numerosos recoñecementos como xogo do ano).
Con estes datos, e as previsións de vendas, temos que non só a Nintendo Switch teña unhas vendas moi superiores á consola predecesora (a malograda Wii U) senón que incluso podería superar ás vendas da Wii no seu primeiro ano. Nintendo confía en rematar o ano fiscal (en marzo de 2018) con 14 millóns de unidades de Nintendo Switch vendidas, o que sería impresionante se temos en conta que nos seus 5 anos de vida da Wii U vendéronse 13,6 millóns de unidades.

PUBLICIDADE