A Nintendo Switch mellorará a súa autonomía

mércores, 17 de xullo do 2019 Marcus Fernández

A poucos días da presentación da Nintendo Switch Lite, consola portátil que sairá á venda en setembro, recibimos con sorpresa e sen anuncio oficial por parte de Nintendo unha nova versión da Switch estándar que basicamente diferenciaríase na capacidade da súa batería e que, ao parecer, tamén sairía á venda en setembro.
A nova Nintendo Switch, modelo HAC-001-01, diferenciaríase do modelo HAC-001 en que a súa autonomía pasaría das 2,5-6,5 horas ás 4,5-9 horas (no caso do xogo The Legend of Zelda: Breath of the Wild pasaría das 3 ás 5,5 horas), ou sexa, que mellora entre o 38% e o 80%, polo que dá a impresión de que integraron na Switch as melloras de consumo da Switch Lite, que ten unha autonomía de entre 3 e 7 horas, e que agora queda nunha situación un tanto sensible, xa que un dos seus grandes reclamos era que a súa batería duraba máis que a da Switch, e agora as súas vantaxes serán o tamaño máis compacto (o que non sempre é positivo) e o seu prezo máis económico (que en Europa no vai ser todo o reducido que desexaríamos).
Na propia páxina web de Nintendo é onde podemos ver a comparación entre os tres modelos de Nintendo Switch, o que vai facer que mercar unha consola na campaña de Nadal vaia ser máis complexo, aínda que polo momento parece que será doado distinguir o novo modelo da Switch normal, xa que a súa caixa terá un deseño diferente, cunha predominancia da cor vermella, aínda que iso mudará cando cheguen edicións especiais con xogo incluído.

PUBLICIDADE