A Nintendo Switch OLED chega acompañada por Metroid Dread

venres, 8 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Hoxe é un día moi importante para os seareiros de Nintendo, xa que chegan ás tendas a nova Nintendo Switch modelo OLED e o videoxogo Metroid Dread, combinación de éxito, xa que por unha banda temos unha renovación da consola de mellor aceptación nos últimos tempos, que agora conta cunha mellor pantalla (pasa de pantalla LCD de 6,2 polgadas a pantalla OLED de 7 polgadas), e para acompañar á consola contamos tamén cun novo xogo da franquía Metroid que desta volta foi desenvolvida polo estudio español MercurySteam.
O lanzamento da nova Nintendo Switch modelo OLED en Galicia recibiu unha especial atención, xa que varios xornais como La Voz de Galicia ou o Faro de Vigo nas súas páxinas web padeceron as consecuencias do uso de tradutores automáticos sen revisión humana, e falaban da «nova Nintendo Switch CHEIRADE», o que provocou bastantes burlas nas redes sociais.
Bromas aparte, a consola chega non só cunha mellor pantalla, senón tamén co dobre de capacidade de almacenamento e con porto Ethernet na súa base, polo que é claramente un produto mellorado, aínda que podería decepcionar a moitos por ser unha versión que non mellora a nivel gráfico como chegou a rumorearse. A propia Nintendo desmentiu que teña plans de lanzamento dunha versión da Switch con gráficos 4K, pero iso non quere dicir que dentro dun ano non poida chegar tal produto ás tendas, senón que simplemente aínda non teñen pechado o calendario de lanzamento de futuros modelos de consola, e adiantar a chegada dunha versión moi superior podería erosionar as vendas da máquina que chega agora ás tendas.
En calquera caso, as melloras da Switch non xustifican un cambio de consola para os que xa teñan unha, e o produto que probablemente captará máis miradas será Metroid Dread, un novo xogo de Metroid en perspectiva 2D, o que pode considerarse como unha homenaxe ás primeiras entregas da franquía, con Samus Aran tendo que abrirse paso a través dun inmenso planeta cheo de espazos únicos, perigos mortais e misterios ocultos, tendo que usar habilidades varias e percorrer auténticos labirintos para poder progresar neste desafiante título.
A crítica especializada considera que estamos ante unha das mellores entregas en 2D da saga, chegando a definilo como o xogo do ano para Switch e un dos mellores xogos para a consola de Nintendo, polo que non faltará quen considere que o seu lanzamento é máis importante que o da Switch con pantalla OLED, sendo especialmente reseñeble que este novo xogo estea desenvolvido en España.

Vídeo promocional de Metroid Dread e da nova Nintendo Switch

PUBLICIDADE