A Nintendo Switch 2 vén de xira por Galicia

martes, 12 de agosto do 2025 Redacción

Nintendo traerá este verán a Galicia a súa nova consola coa parada do Nintendo Switch 2 Tour, unha xira que percorre 15 cidades españolas e que permitirá probar de balde algúns dos títulos máis recentes da compañía. A cita será en Sanxenxo, na praza Fonte de Ramos, os días 19, 20 e 21 de agosto, e en Vigo, na praza Porta do Sol, o 23, 24 e 25 de agosto, sempre entre as 17:00 e as 23:00 horas para aproveitar as horas máis frescas da tarde.
O protagonista principal será Mario Kart World, lanzado o pasado 5 de xuño xunto coa Nintendo Switch 2. Neste xogo, ata 24 participantes poden competir en carreiras por un mundo interconectado, utilizando todo tipo de trucos, atallos e obxectos para alcanzar a vitoria. As carpas do evento contarán con máis de 40 postos de xogo e diferentes modos de competición, ademais dun photocall para levarse un recordo en forma de fotografía.
Outro dos pratos fortes será Donkey Kong Bananza, estreado o 17 de xullo, unha aventura de plataformas e exploración protagonizada por Donkey Kong e Pauline, que combina acción, escenarios destrutibles e unha banda sonora de inspiración tropical. Ambos títulos inclúen modos de axuda para facilitar a experiencia a xogadores menos experimentados, así como opcións multixogador para compartir partidas.
O público tamén poderá probar outras novidades adaptadas a Nintendo Switch 2, como Hogwarts Legacy, The Legend of Zelda: Breath of the Wild – Nintendo Switch 2 Edition ou Street Fighter VI. Despois da súa visita a Galicia, a xira pechará en Valladolid do 28 ao 30 de agosto, tras máis de 2.500 quilómetros de percorrido.