A Nikon 1 J5 é capaz de gravar vídeo en 4K a 15 fps

luns, 6 de abril do 2015 Marcus Fernández

A nova cámara dixital compacta con obxectivos intercambiables Nikon 1 J5 sorprende ao ser a primeira cámara sen espello de Nikon en ser capaz de gravar vídeo a 4K, pero tal prestación non deixa de ser unha simple anécdota, xa que tal funcionalidade vai só a 15 cadros por segundo, o que resulta claramente insuficiente, de xeito que os consumidores que aposten por esta cámara deberían facelo pensando no resto das súas prestacións, como un sensor de 20,8 Mpíxeles, unha pantalla táctil LCD abatible até 180 graos, un grande control manual, numerosos efectos e incluso conectividade Wi-Fi e NFC integradas.
Esta cámara sen espello tamén destaca pola súa velocidade, sendo capaz de facer até 20 disparos continuos por segundo con enfoque automático ou até 60 disparos por segundo co foco fixo; a sensibilidade do seu sensor, xunto co procesado de imaxe EXPEED 5A, permite imaxes ricas en cores, tons e detalles, deixándonos tamén movernos entre unha ISO de 160 até 12.800; o seu dial físico de ordes fai máis doado o seu control; e a mencionada conectividade sen fíos permite que as imaxes que marquemos se transfiran a dispositivos con iOS ou Android para facilitar que poidamos compartilas co mundo cando esteamos en mobilidade, á vez que tamén facilita o uso do smartphone como mando a distancia da cámara.
Pese a que o vídeo en 4K a só 15 fotogramas por segundo sexa unha decepción, esta cámara de Nikon resulta moi válida para a gravación de vídeo, sendo capaz de gravar en Full HD a 60 imaxes por segundo en modo progresivo. Permite facer time-lapses, rexistra numerosos detalles durante a gravación de vídeo grazas a Active D-Lightning e mantén a imaxe estable grazas á tecnoloxía de Electronic Vibration Reduction (VR).
Entre as grandes vantaxes desta cámara destaca o grande número de accesorios dispoñibles para a mesma, xa que é compatible cos obxectivos 1 NIKKOR, aínda que tamén é posible empregar un adaptador para poder empregar un aínda máis completo abano de obxectivos NIKKOR (así como mandos a distancia e flashes).
A cámara chegará en breve ao mercado, tendo un prezo recomendado de 499,95 dólares para o seu modelo básico (cun obxectivo 10-30 mm).

A pantalla abatible dá unha grande versatilidade á cámara


Presentación en vídeo da Nikon 1 J5

PUBLICIDADE