A Mostra do Posible porá o foco nas tecnoloxías que alentan a solidariedade

venres, 28 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Cangas vai acoller os vindeiros 6 e 7 de outubro unha feira sobre os novos movementos sociais e solidarios que se están a fraguar na nosa terra e, por extensión, no mundo real e virtual do noso tempo. Trátase da Mostra do Posible, activa xa en mostradoposible.gal e cuxos detalles foron presentados esta semana no consistorio de Cangas por Ánxela Vizoso, concelleira de Desenvolvemento Económico e Emprego, e David Esperón, coordinador do encontro. Este, que contará coa participación de case medio cento de entidades galegas do ámbito social, servirá para visualizar a importancia das novas tecnoloxías para impulsar a posta en marcha de todo tipo de iniciativas para crear un mundo mellor.
Por exemplo, o sábado 6 ás 11:00 presentarase o portal galego Benmercado.gal, plataforma de venda en liña de produtos da economía social e solidaria da que xa falamos polo miúdo os días pasados en Código Cero, salientando o seu carácter pioneiro e a súa vontade ser o Amazon das empresas éticas.
Na mañá do sábado 6, ás 12:30 horas, tamén se vai dar coñecer unha criptomoeda dixital e social, a moeda Faircoin, que serve como alternativa non-capitalista ao diñeiro tradicional e preséntase como unha ferramenta para o intercambio de produtos e servizos entre persoas e colectivos que buscan a transformación social. Segundo informaron os organizadores da Mostra do Posible, a Faircoin é unha moeda ecolóxica e democrática que xa está en circulación en diferentes países do mundo e que en Galicia está a ser empregada xa por preto de medio cento de establecementos.
O mesmo día, ás 18.00 horas, a feira tamén acollerá a presentación do Sistema Participativo de Garantía A Gavela e máis do seu portal, spg.saramaganta.info, que serve de punto de encontro (o sistema participativo e máis a web) para produtores, distribuidores e consumidores de produtos de alimentación ecolóxica. A SPG A Gavela, para quen non o saiba, é unha certificación ecolóxica realizada pola propia comunidade que facilita o coñecemento mutuo e incrementa a soberanía alimentaria.
O programa de actividades compleméntase con múltiples actividades e encontros sobre comunicación entre grupos de consumo alternativo ou sobre economía social e solidaria (e as súas vantaxes para a transformación social). Tamén haberá proxeccións de filmes, faladoiros e obradoiros sobre tecnoloxías de licenzas libres e bioconstrución, entre outras temáticas.

PUBLICIDADE