A Mobile Week Coruña despídese tras 8 días de grande actividade

mércores, 28 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Tras 8 días con máis de 127 actividades abertas á cidadanía a Mobile Week Coruña clausurouse nun acto no PALEXCO, nun acto ao que acudiron representantes das entidades que apoiaron este macroevento, como o Abanca, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Universidade da Coruña, o Club Financeiro Atlántico ou Mobile World Capital Barcelona. Conduciu a gala Silvia Jato, quen citou os moitos cambios que estaba a provocar a tecnoloxía nas nosas vidas e deu paso á participación de Eduardo Aldao, director de Innovación de Abanca, e Elena Vázquez, decana da Facultade de Matemáticas da USC, quen impartiron relatorios que foron seguidos por unha pequena mesa de debate aberta a preguntas do público.
Aldao falou sobre tecnoloxía e innovación financeira dende o punto de vista de Abanca, entidade que está a perseguir a innovación dende moitos ángulos, para sobrevivir nun eido sumamente dinámico. Temos así unha entidade que tanto investiga no uso de tecnoloxía blockchain como se anima a buscar talento dentro e fóra da empresa, contribúe ao emprendemento e á aceleración de negocios e mesmo consegue estar á cabeza da banca electrónica móbil no ámbito estatal.
Pola súa banda, Vázquez Cendón quixo falar sobre a tecnoloxía e o compromiso social, salientando o rol da tecnoloxía como punto de encontro e plataforma para compartir o coñecemento, salientando tamén que estamos ante un período de cambios aos que hai que adaptarse para poder velos non como unha ameaza, senón como unha oportunidade de futuro.
Tras estas intervencións representantes das entidades promotoras do evento dirixíronse ao público para celebrar o éxito acadado que, como ben salientou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da cidade herculina, José Manuel Sande, encaixa no modelo urbano que perseguen dende o consistorio municipal, que promove iniciativas como Coruña Dixital, actividades maker na Domus, distintas colaboracións coa UDC e moitas outras actividades dirixidas a potenciar a face máis tecnolóxica da Coruña.
Ao peche da xornada, amenizada cunha actuación da gaiteira Susana Seivane, Jato aproveitou para lembrar aos asistentes que a Mobile Week Coruña vai ser un evento con continuidade, que xa ten garantida unha presenza de 4 anos en Galicia.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, agradeceu a celebración da Mobile Week na cidade herculina

PUBLICIDADE