A Microsoft Band poderase conseguir a partires do 15 de abril

martes, 17 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Cando en outubro Microsoft lanzou nos EE.UU. unha pulseira deportiva con funcións de notificacións, que destacaba por poder operar tanto con smartphone con Windows Phone como en dispositivos da competencia (iOS ou Android), non esperaban que a acollida fose tan boa, resultando practicamente imposible facerse con unidades deste dispositivo que esgotaba as unidades dispoñibles cada vez que repuñan unidades nas tendas físicas de Microsoft, para desesperacións dos consumidores que querían facerse con este atractivo complemento que por fin podería non só normalizar a súa distribución nos EE.UU., senón tamén chegar a Europa, xa que a Microsoft Band xa está dispoñible para a súa reserva en Reino Unido.
A Microsoft Store é o principal establecemento que acepta pedidos da Microsoft Band a un prezo de 169,99 libras esterlinas, pero para os usuarios españois que estean interesados en facerse con este interesante accesorio podemos comentar que a tenda británica de Amazon tamén inclúe o produto en reserva, o que permitirá que dende o noso territorio poida conseguirse o trebello por un prezo que con portes ronda os 250 euros, o que o sitúa no rango dos dispositivos semellantes con Android Wear, á vez que chegaría ao mercado o 15 de abril, anticipándose ao lanzamento do Apple Watch (estrea que podería ser a que fixo que Microsoft potenciase a produción deste dispositivo).
A Microsoft Band pode monitorizar o ritmo cardíaco as 24 horas, facer un seguimento do noso sono, guiar durante os nosos adestramentos, achegar notificacións do noso móbil, permitir empregar Cortana en dispositivos con Windows Phone, dar conta das anotacións do noso calendario para que non perdamos ningunha cita, monitorizar a radiación ultravioleta (para que poidamos controlar a nosa exposición ao sol) e, como detalle que o diferencia de moitos accesorios semellantes, integra GPS, de xeito que os usuarios que queiran empregar a pulseira para rexistrar os seus adestramentos é posible deixar o smartphone na casa.

PUBLICIDADE