A Mi Box de Xiaomi funcionará con Android TV

mércores, 18 de maio do 2016 Marcus Fernández

Durante a celebración do Google I/O comentouse que a familia de Android TV e Google Cast estaba a medrar, e tras citar que dispositivos como os televisores BRAVIA de Sony comercializados este ano contarán con Android TV, citaron que o Xiaomi Mi TV adoptará Andorid TV e comercializarase nos EE.UU. Tamén engadiron que no mes de xuño os fabricantes Beko, Grundig e Vestel achegarán dispositivos con Android TV ao mercado europeo.
Tamén matizaron que o hardware e só a metade da ecuación, que vese completada con centos de aplicacións entre as que estarán en breve as de CNN, MTV, Spotify, ESPN e moitas outras, que poderán beneficiarse das vantaxes de Android N como o Picture-in-Picture (reproducir un vídeo mentres se navega por outro contido), a API de gravación (para poder gravar televisión en directo) e o HDR (tecnoloxía que está a facerse popular xunto coa ultra alta definición para conseguir imaxes máis realistas).
Pero a mención de Xiaomi foi probablemente o máis interesante de todo o comentado, xa que até o momento a Mi Box de Xiaomi era un streamer con Android moi atractivo, pero personalizado para o seu uso en China, de xeito que non estaba dispoñible noutras linguas, o que practicamente bloqueaba a súa exportación, pero finalmente teremos unha Mi Box con Android TV, dispositivo que pode servir para a reprodución de contidos en 4K (con soporte de HDR) que inclúe un mando a distancia Bluetooth con micrófono (para poder darlle ordes de voz) que podería converterse en todo un supervendas dada a súa boa relación calidade-prezo.
A Mi Box funciona cun procesador ARM Cortex-A53 de catro núcleos con gráfica Mali 450, 2 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno, decodificación de vídeo 4K a 60 imaxes por segundo, soporte de HDR10 e HDMI 2.0a, son Dolby Digital Plus + DTS, porto USB, Wi-Fi AC, compatibilidade con Google Cast (para poder marcar os contidos a reproducir dende un smartphone con Android ou iOS) e a posibilidade de adquirir un mando para poder gozar de xogos a través deste dispostiivo que, ao xa non estar limitado á personalización de Xiaomi, convértese nunha solución moi atractiva para acceder a Netflix, YouTube, Plex, TuneIn, Google Play e moitos outros.
O prezo da Mi Box parte actualmente dos 299 iuans (41 euros), polo que podemos esperar a que este produto chegue aos mercados occidentais a un prezo bastante axustado.

PUBLICIDADE