A Mesa pídelle a Twitter que deixe de desprezar o galego
martes, 22 de maio do 2012
Non é a primeira vez que A Mesa carga contra
Twitter e, a menos que a liña lingüística do servizo 2.0 cambie de rumbo,
tampouco será a última. O problema, tal e como nos recordan os responsábeis da
plataforma que dirixe Carlos Callón, é que Twitter péchase en banda a non
apostar pola nosa lingua, a diferenza do que fan outras redes sociais de uso
común, como Facebook ou Google +,
e a diferenza do que acontece coas restantes linguas oficiais do Estado, que si
teñen servizo de tradución. E todo isto, sinala A Mesa, malia ser o galego a
36ª lingua do mundo na que máis se tuitea.
A solución a isto semella que ten que pasar,
unha vez máis, por facermos fronte común. Deste xeito, A Mesa anima a que se
multipliquen as solicitudes cidadás individuais para que tamén se traduza a
devandita comunidade 2.0 á nosa lingua, materializándose este traballo conxunto
a través dunha ferramenta
específica para a localización.
Para A Mesa, o feito que se lle dea as costas
ao galego deste xeito constitúe un “símbolo moi negativo” da situación da
lingua, e máis aínda co anuncio da vindeira tradución ao éuscaro e ao catalán
de Twitter ecoando aínda no ar. Carlos Callón lembra, seguindo o fío do
devandito, que “todas as tentativas que houbo
até o momento para que houbese opción de Twitter en galego partiron da base
social, sen ningunha acción de apoio por parte da Xunta”. Callón recorda
tamén que a investigación sobre as linguas que se usan en Twitter que se deu a
coñecer a finais do ano pasado demostra que, dos máis de 6.000 idiomas que
existen no mundo, o galego ocupa o “moi
meritorio” posto 36 en uso nesta rede social. “A pesar das moitas dificultades que se nos colocan no día a día para
exercemos os nosos dereitos, ben se ve que a nosa lingua e cultura existen e
que teñen unha demanda social que non se corresponde co nulo apoio
institucional que reciben”, apunta.