A Mesa entrega no Parlamento máis de 33.000 sinaturas a prol da iniciativa Xabarín

mércores, 7 de abril do 2021 S. P.

A Mesa pola Normalización Lingüística entregou na mañá deste 7 de abril as máis de 33.000 sinaturas en apoio da iniciativa Xabarín, que reivindica mellorar os contidos da grella infantil e xuvenil en galego e acompañar este proceso de ferramentas tecnolóxicas que conecten estes contidos coas novas xeracións. As sinaturas entregounas o presidente da Mesa, Marcos Maceira, no Parlamento.
Segundo lembrou, a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza diríxese a instar ao Goberno galego “a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle, a canle Xabarín, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais”.
A proposta esixe a posta en xogo dunha aplicación móbil actualizada para todos os dispositivos e que conte con programas e xogos.
A iniciativa tamén insta tamén a que toda a programación televisiva, incluídas as plataformas e TVE, teñan versión en galego orixinal, dobrada ou lexendada.
Segundo fixo saber Maceira, “a enorme cantidade de sinaturas recollidas a pesar das dificultades no contexto sociosanitario actual demostra que o problema da lingua galega no audiovisual e outros sectores non é de demanda senón de ausencia de oferta”. Maceira lembrou tamén que “a porcentaxe de galego na programación infantil e xuvenil é do 4,6% durante a semana e cae ao 2,7% na fin de semana e que a programación en galego só está garantida por unha única canle, a TVG”. E engadiu: “No contexto das plataformas dixitais o galego, simplemente, non existe”.
Esta é a realidade que quere mudar a Iniciativa Xabarín, explicou.

PUBLICIDADE