A Mesa dálle os parabéns a Google por incluír a opción en galego en Google+
luns, 12 de marzo do 2012
- Google+ xa está dispoñible en galego
A Rede precisa do galego, aínda que non nolo
diga. E máis tendo en conta que o panorama de redes sociais, tal e como se
falou hai uns
días nun encontro do Consello da Cultura Galega, tende a ser cada vez máis
uniforme, unidireccional coma tódalas cousas globalizadas no peor sentido da
expresión. Ou sexa, que todo vai xirando cada vez máis arredor das linguas que
xa teñen presenza e apoios de abondo. Por iso que unha empresa tan global como
Google aposte polo galego ten máis relevancia aínda, segundo nos conta A Mesa
pola Normalización Lingüística, que vén de parabenizar ao buscador pola
inclusión da nosa lingua no seu servizo Google+.
A plataforma que coordina Carlos Callón, infórmase
na súa web, considera “unha moi boa nova”
esta estratexia da multinacional, ao tempo que a anima a seguir o mesmo vieiro
cos seus restantes produtos e servizos, como por exemplo a ferramenta de correo
electrónico Gmail, cousa que xa foi solicitada en varias ocasións pola entidade
galega. A Mesa lembra ademais que con este paso adiante de Google, a práctica
totalidade das redes sociais máis populares xa permiten o emprego do galego,
polo da agora coa excepción de Twitter: “Primeiro
foi facebook, cuxa versión en galego é froito da colaboración de internautas na
tradución e adaptación e practicamente está completada ao 100%, e
posteriormente a rede social tuenti, moi utilizada sobre todo entre a mocidade”,
informa a Mesa. Para conseguir aínda máis implicación das redes e dos usuarios
desas redes a prol da nosa lingua, a organización galega animou a entes públicos
como a Secretaría Xeral de Política Lingüística a traballar ao seu carón e a
facer as xestións precisas para “garantir
que en Galiza poidamos ter pleno acceso na nosa lingua a todo tipo de produtos
e servizos relacionados coas novas tecnoloxías”.