A Memoria Dixital de Galicia introduce tecnoloxías intelixentes para a xestión do patrimonio cultural

venres, 29 de novembro do 2024 Redacción

Nunha intervención titulada Tecnoloxías intelixentes para a xestión do patrimonio cultural no marco do Culturgal, o director da AMTEGA, Julián Cerviño Iglesia, fixo un repaso a todos os contidos da Memoria Dixital de Galicia, entre os que se atopan os sistemas de xestión de arquivos e bibliotecas, o sistema de xestión e difusión dos fondos dos museos, a biblioteca dixital Galiciana, os sistemas para a difusión e coñecemento da lingua, a plataforma colaborativa de topónimos Galicia Nomeada ou o sistema de catalogación dos bens patrimoniais. Salientou que a Memoria Dixital de Galicia está a ser enriquecida con novas utilidades a partir do uso de tecnoloxías intelixentes en proxectos como Galiciana Semántica.
Cerviño presentou o portal da revista Nós como exemplo do novo modelo de Galiciana Semántica, que emprega tecnoloxías intelixentes para mellorar a experiencia das persoas usuarias en buscas e consultas. Galiciana Semántica emprega ontoloxía e grafos de coñecemento que unifican a información distribuída e representada de xeito heteroxéneo en distintas bases de datos. Deste xeito, as persoas poden facer as consultas dun xeito persoal e expresivo nun sistema interpretable e interoperable por parte das máquinas. A información está enlazada e enriquecida con terceiras fontes, e o modelo é sustentable e extensible no tempo. Ao mesmo tempo, empregará tecnoloxías de intelixencia artificial en asistentes intelixentes, procesamento de linguaxe natural (PLN) ou comprensión da linguaxe natural (NLU).
Galiciana Semántica contará con espazo web de referencia e con espazos temáticos, como o que xa está en marcha cos contidos da revista Nós.