A Mega Drive volverá comercializarse no Brasil

mércores, 9 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Estes días chega ao mercado a Nintendo Classic Mini, tendo practicamente esgotadas as unidades en todo o mundo grazas ao seu elevado volume de reservas, e dentro desta febre do retro sorprenden dende Brasil anunciando que a compañía Tectoy vai volver comercializar a vella consola Mega Drive nunha edición limitada que custará 399 reais (113,16 euros) e non só incluirá 22 xogos precargados (Alex Kidd, Alien Storm, Altered Beast, Arrow Flash, Bonanza Brothers, Columns, Decap Attack, E-SWAT, Fatal Labyrinth, Flicky, Gain Ground, Golden Axe, Golden Axe 2, Jewel Master, Kid Chameleon, Last Battle, Out Runners, SEGA Soccer, Shadow Dancer, Shinobi 3, Sonic 3 e Turbo OutRun), senón que tamén aceptará cartuchos orixinais da clásica consola, así como a carga de contidos a través de tarxetas SD, ou sexa, o soño para moitos nostálxicos.
Esta consola inclúe o mando de tres botóns e cable de audio e vídeo (3 RCA) algo que hai que ter especialmente en conta á hora de conectar o dispositivo a un televisor moderno (xa que non inclúe HDMI como si fai a mini NES). Quen queira facerse con esta máquina pode xa reservala, pero terá que agardar a xuño de 2017 para poder tela entre as mans.

A nova Mega Drive conserva a estética da consola orixinal de SEGA

Vídeo promocional da nova Mega Drive que chegará ao mercado brasileiro

PUBLICIDADE