A Maker Faire Galicia celebra a súa Xornada de Oficios

venres, 21 de novembro do 2025 Redacción

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou en Santiago de Compostela na mesa de apertura da Xornada de Oficios, enmarcada na XI edición da Maker Faire Galicia, unha cita centrada en reforzar a conexión das novas xeracións de creadores cos oficios artesanais. Na inauguración estiveron tamén a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude de Santiago, María Rozas; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; e o cofundador da Maker Faire Galicia, Enrique Saavedra.
Durante o acto, María Rozas reivindicou a importancia de recuperar os oficios tradicionais «non desde a nostalxia, senón desde o convencemento de que facelo é apostar por un desenvolvemento económico sostible e pola creación de emprego de calidade». A concelleira agradeceu a celebración da xornada «que permite recoñecer o esforzo de todas as persoas que traballan nos oficios tradicionais e poñer en valor o moitísimo talento que temos en Galicia e que temos que seguir promocionando».
A iniciativa conta co apoio da Xunta e procura destacar a creatividade, o coñecemento e o saber facer das persoas que manteñen vivos estes oficios, ao tempo que experimentan con novas narrativas, materiais e maneiras de crear. O propio Gabriel Alén será o encargado de entregar o segundo premio aos proxectos máis votados polo público.
O programa reúne relatorios arredor dos biomateriais, da produción artística e de disciplinas vinculadas ao deseño, á arte, á comunicación e á economía circular. Ata as 14:00 horas impártense obradoiros de iniciación a distintos oficios, conducidos por profesionais de Artesanía de Galicia e pensados para público infantil e adulto. Entre as propostas figuran o taller de bordado sobre fotografía impartido por Minia Banet (Variopinto), o obradoiro de flores téxtiles de NAI Deseños e a sesión Aprende forxa tradicional con plastilina, guiada por Roni Herrán.
Ao longo da xornada teñen lugar tamén relatorios e faladoiros protagonizados por profesionais como Julia Steketee (Bagaceira Project), que transforma residuos de cana de azucre en materiais para o deseño de interiores; Paula Camiña Eiras, enxeñeira de Deseño Industrial e experta en biodeseño; ou Ramón Santos, de Mercería La Crisálida. Ademais prográmanse actividades dirixidas ao público infantil, un espazo maker e máis dunha ducia de expositores (visitables ata as 20:00 horas) cos traballos de artesáns da cerámica, ourivería, bixutería, moda, complementos, redeiras, forxa e encadernación.
A participación de profesionais como Acivro Xoias (Santiago de Compostela), Susana Anta (A Coruña), A Casa Rodante (Vigo), Fui Yo (Santiago de Compostela), Lixo Atelier (Muros), Mundaya (Santiago de Compostela), Jerolas (Curtis), a Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela de Corme (Ponteceso) ou D Rositas (Rois) permite achegar ao público unha panorámica ampla da artesanía galega contemporánea, combinando tradición e innovación.
A entrada á Xornada de Oficios é de balde ata completar aforo, cunha especial orientación cara a centros educativos, estudantes e novos talentos en formación, así como para calquera persoa interesada en coñecer o presente e o futuro dos oficios tradicionais. Coa súa celebración ponse fin á Maker Faire Galicia 2025, que un ano máis se estruturou en tres citas temáticas dedicadas á innovación social, á industria e aos oficios.