A Maker Faire Galicia anuncia os primeiros convidados estrela da súa sétima edición

mércores, 12 de maio do 2021 S. P.

A minimaker Valeria Corrales é unha das relatoras participantes na Galicia Maker Faire

A Maker Faire Galicia, o acontecemento de tecnoloxías participativas, abertas e argalleiras máis relevante da nosa terra (e un dos máis sobranceiros a nivel europeo), vén de desvelar algúns dos detalles máis importantes da súa vindeira edición, a sétima, que se celebra entre o 2 e o 7 de xuño. Será novamente unha cita cen por cen en liña e segundo informan as entidades organizadoras (a firma VermisLab e o Concello de Santiago) “promete ser unha edición moi potente a nivel de contidos”.
Tras o peche do prazo para presentar contribucións, o pasado luns, a organización confirma que foron seleccionados 60 proxectos de 7 países diferentes, cos que os asistentes poderán falar en directo ao longo das cinco xornadas que dura o evento.
Entre os primeiros relatores destacados desvelados desta edición atópanse referentes tanto nacionais como internacionais nos ámbitos da biotecnoloxía, os videoxogos ou a tecnoloxía.
Por exemplo César de la Fuente, biotecnólogo galego e profesor na Universidade de Pensilvania, que participará nas xornadas da industria o 3 de xuño. César, coñecido polo público xeral por desenvolver un test de baixo custo para detectar o COVID-19, foi nomeado polo MIT como un dos 35 mozos máis innovadores do mundo con menos de 35 anos.
Durante esa mesma xornada do 3 de xuño, pola tarde, o protagonismo recaerá na industria dos videoxogos, onde destacan Keisha Howard e Jon Hare. En primeiro lugar, Keisha (Chicago, 1986), con dúas charlas TED no seu curriculum, é unha recoñecida activista en favor da inclusión e a diversidade no mundo dos videoxogos. Jon Hare, pola súa banda, é un dos desenvolvedores de xogos máis coñecidos de Europa, responsábel de produtos míticos como Parallax ou Sensible Soccer. Durante esta xornada lanzarase a temática da segunda edición da Game Maker Jam, unha competición para crear videoxogos en 48 horas que terminará na xornada do sábado e que o domingo coñecerá ao seu gañador ou gañadora.
Outro nome propio é o de Valeria Corrales, unha minimaker de 12 anos e natural de Huesca que triunfou na última edición do talent show máis famoso do mundo e que participará na xornada educativa o venres 4 de xuño.
Nesta mesma xornada levaranse a cabo catro mesas de debate que versarán sobre a educación do futuro, a gamificación, os espazos maker ou as comunidades de aprendizaxe e que contarán con especialistas destes ámbitos tanto a nivel nacional como internacional.
Durante a tarde celebrarase tamén o primeiro EDU Open Space, un espazo para a reflexión ao redor da educación, onde os propios asistentes exporán as temáticas para debater.
A 7ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase nun Museo Gaiás virtual e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.

PUBLICIDADE