A LaconNetwork e os Premios EGANET celebraranse de xeito conxunto o vindeiro 1 de febreiro

xoves, 17 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

O vindeiro 1 de febreiro será un día moi especial para o sector TIC galego, por coincidir no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela 2 eventos de certa relevancia: o acto de entrega da IX edición dos Premios EGANET e o terceiro aniversario da LaconNetwork. Agárdase así unha grande presenza de profesionais e emprendedores do sector tecnolóxico galego, que aproveitarán a ocasión para relacionarse entre eles e pór en valor algúns dos seus proxectos que veranse recoñecidos publicamente nesta xornada que levou a mudar a data da LaconNetwork (celebrada habitualmente o último venres de cada mes).
O programa desta edición da LaconNetwork aínda non está pechado, pero polo momento xa adiantan que constará con relatorios maxistrais dun representante de Google, un fundador dunha incubadora e un CEO de excepción. Tamén contarán con presenza iniciativas de coworking, iniciativas de aceleradoras nacidas en Galicia e investidores galegos en TIC. O gañador do premio Emprendedor XXI Galicia de 2012, Roi Correa (de Menus.es) tamén contará a súa experiencia en Cambridge e a súa visita en San Francisco, o que servirá de pé para presentar a edición de 2013 dos mencionados premios. As sesións tamén contarán coa animación dalgún monologuista que terá como reto que superar a acollida que o ano pasado tivo Róber Bodegas.
Como vén a ser habitual, os interesados en asistir deberán confirmar a súa participación na LaconNetwork inscribíndose vía web e aboando 21 euros para sufragar os gastos deste evento que inclúe un xantar que canaliza a parte de networking do encontro.

JPEG - 54.2 KB
O encontro terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela

PUBLICIDADE