A LaconNetwork celebrou o seu sétimo aniversario co acento posto na busca de investimento para proxectos emprendedores

venres, 3 de febreiro do 2017 Redacción

O encontro mensual dos albaneis da nube chamado LaconNetwork celebrou os seus xa 7 anos de actividade nunha gala na que celebráronse un par de mesas redondas nas que reflexionaron sobre o emprendemento tecnolóxico dende distintos puntos de vista (o dos investidores que deron conta do que buscan para apoiar proxectos e o dos emprendedores que en moitas ocasións teñen que saír de Galicia para poder levar adiante as súas iniciativas), unha charla maxistral do emprendedor en serie Iñaki Arrola (que centrouse en boa medida nos seus fracasos, para ilustrar como é posible aprender dos seus erros, á vez que resaltou que que non todos os proxectos axeitados para a busca de investimento externo), unha entrevista ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde (quen amosou a súa visión do emprendemento en Galicia) e tamén a entrega dos Premios LaconNetwork.
Francisco Conde, que agradeceu aos organizadores a celebración deste acto, afirmou que tanto os premiados como o resto de finalistas dos LaconNetwork representan «a excelencia e a innovación» á que aspira Galicia. Neste sentido, subliñou que as propias empresas TIC camiñan nesa dirección, pois unha de cada catro firmas deste sector que naceron nos últimos tres anos están relacionadas coa I+D+i; ao tempo que lembrou que se trata dun ámbito que está a gañar cada vez máis peso na consolidación da recuperación económica de Galicia, con máis de 2.300 empresas, representando o 1,8% do PIB galego e empregando a máis de 15.000 persoas.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria puxo como exemplo a Toño Escudero, cofundador de Creappcuentos que participou en iniciativas nas que colabora a Xunta, como Vía Vigo e Galicia Open Future, e a quen Conde entregou o premio na categoría LaconNetwork Evanxelizador, que recoñece a implicación do gañador á hora de axudar a tomar conciencia de que en Galicia existe un sector TIC en crecemento que xira ao redor da innovación.

O conselleiro entregou o Premio Lacon Evanxelizador que foi parar a Toño Escudero. Tamén foron finalistas os fundadores de Lupeón 3D e Venancio Salcines
Frankie Gómez agradeceu aos anfitrións das distintas edicións mensuais da LaconNetwork o seu esforzo, de aí que considere de xustiza o Premio Lacon Evanxelizador
Startup Weekend recibiu o Premio Lacon Iniciativa, do que tamén foron finalistas La Molinera e Social Weekend
O presidente do CPEIG entregou o Premio Lacon Investidor a Rubén Ferreiro. Acompañounos o finalista Juan R. Güell
Iñaki Arrola compartiu a súa experiencia como emprendedor en serie procurando que os presenten aprendan dos erros que cometeu el nos seus inicios.
O director do CESGA entregou o Premio Lacon Empresa 2017 a Torre de Núñez, compañía que competiu na final con Nortempo e Hijos de Rivera

PUBLICIDADE