A Kutruparty incluirá un obradoiro-concurso sobre intelixencia artificial

luns, 1 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Kutruparty, o encontro informático para a mocidade que se celebra esta fin de semana na Estrada (do 5 ao 8 de decembro), vén de reforzar o seu programa de lecer tecnolóxico coa incorporación dunha actividade ligada á intelixencia artificial: o ObradoiroBot. O evento, que aparece detallado polo miúdo no blog da party e máis na súa páxina web, segue en certa medida os formatos das restantes actividades preparadas: cinguindo o innovador co manual nun proceso de aplicación á party dos conceptos da Web participativa, a 2.0. A diferenza básica é a temática, que aquí xira arredor da robótica, pero o formato é o de costume: un formato que non só lles permite aos rapaces e rapazas concorrer activamente no que se achega, senón que se lles dá azos para ser eles mesmos organizadores e creadores.
O obradoiro en cuestión, que vai ser impartido polo Equipo de Robótica Móbil do Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI) da Universidade de Santiago, completarase cunha charla sobre os avances que se están a levar a cabo neste eido en concreto, tanto a nivel galego como no resto do mundo. En boa medida, esta vertente formativa xirará arredor dos usos actuais da robótica para mellorar a nosa calidade de vida e de como se emprega a intelixencia artificial para guiar unha máquina no seu contorno.
A actividade, di a organización, desenvolverase no propio recinto do encontro (o Pazo de Exposicións da Estrada): o venres dende as 18.00 até as 20.00 horas. Entre outras tarefas e presentacións, o obradoiro incluirá a posta en longo dun robot e unha gimcana pola que dirixilo de xeito remoto (con seis equipos de tres persoas). Este aparello, engaden os responsables da party, non é un simple trebello limitado a un número concreto de funcións e movementos: é quen de situarse no espazo no que se insire, superar atrancos variados e incluso memorizar experiencias vividas (grazas aos sensores que leva incorporados) que lle axudan no futuro para deixar atrás máis obstáculos. Na imaxe, unha captura dos vídeos de presentación destes proxectos robóticos da USC.