A Internet das Cousas e o Big Data contribuirán á vixilancia contra os incendios forestais

venres, 26 de xuño do 2020 Redacción

A Rede de Videovixilancia Forestal botou a andar en 2018.

A Xunta está a probar a aplicación de tecnoloxía da Internet das Cousas (IoT) e técnicas de Big Data na Rede de Videovixilancia dos Espazos Forestais de Galicia. Para esta fase de pilotaxe, que rematará a finais de xuño, despregáronse dispositivos IoT en tres centros de telecomunicacións da Rede, que permiten detectar, analizar e enviar datos de parámetros atmosféricos que teñen incidencia nos incendios forestais como a humidade, pluviometría, temperatura, dirección e forza do vento.
A aplicación de técnicas de Big Data a esta información contribúe a mellorar a predición e a coordinación da extinción dos incendios forestais. Esta iniciativa, impulsada pola Consellería do Medio Rural e a Amtega, vai a acompañada dun reforzo da Rede coa incorporación de 16 novos centros e 32 cámaras de altas prestacións. Deste xeito, a Rede de Videovixilancia Forestal está integrada por un total de 60 centros de telecomunicacións e 120 cámaras. Este aumento de centros e dispositivos posibilita a monitoraxe do 60% do territorio.

Cámaras de altas prestacións

A Rede de Videovixilancia dos Espazos Forestais entrou en funcionamento en 2018 como un instrumento de apoio ao labor de detección, prevención e seguimento de incendios. Para o seu despregamento aproveitáronse as infraestruturas do operador público Retegal, instalando en cada un dos 44 centros iniciais 2 cámaras de altas prestacións, dotadas de visión nocturna, con capacidade para operar baixo temperaturas extremas e resistentes a ventos furacanados.
Coa ampliación doutros 16 centros, a Rede dispón de 120 cámaras, que facilitan unha cobertura visual de 1,8 millóns de hectáreas, máis da metade do territorio galego, incluíndo terreos das Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), definidas así no Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) da Consellería do Medio Rural.

Plataforma para unha xestión integral

A Rede xestiónase de xeito centralizado a través dunha plataforma tecnolóxica que posibilita a vixilancia remota dos montes desde os centros de coordinación (Central, Provincial e de Distrito) as 24 horas do día e permite aos axentes e técnicos forestais o acceso en tempo real ás imaxes..
En caso de detectarse un lume o sistema achega información visual en directo sobre o avance e as condicións do incendio e permite xeoposicionar o punto que se está a visualizar en cada momento. Deste xeito, a Rede ofrece un mecanismo de apoio á toma de decisións polas autoridades e persoal técnico competentes para mobilizar e xestionar medios e recursos para as labores de extinción.
Ademais, a plataforma integrarase coas aplicacións empregadas polo Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) como o Xeocode, baseada nun sistema de información xeográfico que posibilita a xestión de alarmas, incendios, medios e persoal on line a nivel de distrito, provincial e central.

PUBLICIDADE