A India recibe este mes un smartphone de grandes prestacións por menos de 200 euros

venres, 1 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Dende a India continúan a abraiar ao mundo comercializando móbiles de alta gama a prezos reducidos, e para continuar na carreira polos prezos máis competitivos, nun par de semanas vai comezar a comercialización do Umi X2, un smartphone con conectividade 3G e dobre SIM que funciona con Android 4.1 (prometendo actualización á versión 4.2 en abril, algo que polo momento están a facer poucos fabricantes) e corre cun procesador MTK6589 de catro núcleos a 1,2 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, cámaras de 13 e 3 Mpíxeles, Wi-Fi, Bluetooth 4.0, GPS, radio FM, batería de 2.500 mAh, un peso de 155 gramos e un grosor de 8,9 milímetros que poderiamos comparar con móbiles como o Sony Xperia Z, pero que chega a un prezo moi inferior, xa que sae á venda por 14.000 rupias (195,71 euros).

O Umi X2 fotografado xunto ao seu predecesor, o X1 (con pantalla de 4,5 polgadas e procesador de dobre núcleo)

Resulta evidente que con ese prezo non poderemos adquirir un dispositivo cunha fabricación de grande calidade, e a súa comercialización está dirixida principalmente a mercados emerxentes, aínda que cómpre destacar que o seu sistema operativo non só está dispoñible en hindú, senón que tamén vén en inglés, polo que os usuarios de fóra da India poderían ter certo interese nun produto que está á última en prestacións, que principalmente demostra que os smartphones (incluídos os alcumados como tabletófonos) poden ter prezos asumibles.

PUBLICIDADE