A ICC Week 2017 xuntará en Ourense case medio cento de profesionais dos contidos dixitais

luns, 3 de abril do 2017 Redacción

A semana pasada presentáronse en Ourense os detalles completos sobre a nova edición do evento ICC Week 2017, do que xa achegamos algunha información recentemente dende Código Cero, facendo fincapé na preparación (ao abeiro da ICC Week) da quedada informática Technium, que se vai celebrar este ano entre 4 e o 7 de maio. Pois ben, o caso é que neste intre xa temos nas nosas mans a programación completa desta terceira convocatoria ICC Week, evento destinado a mostrar o potencial ourensán e galego en materia de industriais culturais e contidos dixitais e que, segundo fixo saber a organización, xuntará este ano máis de 40 profesionais do sector audiovisual, tecnolóxico, musical e cultural. Desenvolverase en diversos puntos da provincia e contará con representantes de El País Retina, Ouishare, o blog El Comidista, Grupo Nove, a serie El Ministerio del Tiempo, VEGAP ou Disney. O programa foi dado a coñecer polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e os coordinadores do evento, Manuel Araújo e Juan Rivas.
A nova edición de ICC Week comezará o 2 de maio nun acto inaugural que xirará arredor da Cultura e creatividade como valor nos territorios e contará coa presenza de Javier Rioyo, director do Instituto Cervantes de Lisboa, cineasta xornalista e escritor, e Elsa Punset, escritora e divulgadora, para culminar cun concerto de Depedro no Teatro Principal.
Ao longo da semana debaterase en diversos recantos da provincia sobre a industria musical, a gastronomía, o audiovisual, a Internet, as novas tecnoloxías e os retos culturais en Galicia como focos principais. A industria da música e os seus axentes estará representada polo xornalista Javier Becerra, que moderará un encontro co músico Miqui Puig, Almudena Palacios (cofundadora e coordinadora de ¡Queremos entrar!), Daniel Sanchís (Brand Ac Director en M&C Saatchi) e Patricia Hermida (presidenta de MMF Spain). O músico e actor El Langui tamén ofrecerá unha clase maxistral sobre produción musical e o produtor Carlos Jean será o protagonista dun relatorio no que exporá o poder da creatividade para resolver todo tipo de problemas.
O sector audiovisual estará representado por Concha Fontenla e Oliver Laxe, director galego premiado en Cannes pola súa obra Mimosas. Laxe, informou a organización da ICC Week, ofreceralle ao público “unha travesía por este filme e o seu percorrido”, mentres que a produtora audiovisual Concha Fontenla afondará no mundo audiovisual, o cine, a televisión e Internet dende a perspectiva da produción.
O espazo de divulgación La Molinera, emprazado na propia cidade de Ourense, será o punto de encontro para as persoas máis interesadas nas tendencias da cultura dixital, onde se afondará nos grandes desafíos da economía cooperativa ou da nova economía do coñecemento. Para afrontar esta tarefa, ICC Week contará coa presenza con Pako Rodríguez (Ouishare), Fran Rodríguez (director da ESEI do Campus de Ourense), Xosé Lois Vázquez (director do Outono Fotográfico), Javier Gutiérrez (director xeral VEGAP) e Jaime García Cantero (director xeral de contidos de El País Retina).
Segundo fixo saber a organización de ICC Week, Galicia “tamén será a protagonista absoluta dunha xornada adicada a xestión cultural na nosa Comunidade”. Esta xornada dividirase en dous bloques iniciais. No primeiro, afondarase na actividade na provincia de Ourense. Estará moderado por Alberto García (técnico de Cultura do Concello de Boiro). Nel tomarán parte iniciativas nas que entra en xogo o patrimonio e a convivencia na xestión cultural, como Espacio Matrioska, Vivir Vilamarín ou Sende, e unha das actividades culturais e de lecer referentes na provincia, a MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, en representación da que asistirá o actor Fernando Dacosta.
No segundo dos encontros, que terá un carácter autonómico, estarán representados varios festivais do país de variadas disciplinas e contará como moderador con Sergio Lago (co-organizador do Curso de Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela e organizador de Coruña Dixital). Entre os relatores atópanse Ángel Sánchez (do Play Doc Tui), Alfonso Pato (do Festival de Cans), Raquel Rivera (do FASE, Festival de Arte Sonora Española), Matilde Rodríguez (de O Gato Cósmico e a Maker Faire Galicia) e Piti Domínguez (de O Marisquiño).

PUBLICIDADE