A IA e as tecnoloxías intelixentes entran no currículo educativo de ESO e Bacharelato
martes, 30 de maio do 2023
O conselleiro de
Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá na
presentación
das materias optativas autonómicas Intelixencia artificial para a sociedade e
Tecnoloxías intelixentes, que se ofertarán o vindeiro curso escolar 2023-24
nas etapas de ESO e Bacharelato respectivamente. No acto, o conselleiro estivo
acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith
Fernández.
Este reforzo do
currículo desde o ámbito autonómico responde a un dos obxectivos prioritarios
da Xunta en materia educativa: ofrecer as ferramentas necesarias para responder
axeitadamente aos novos desafíos da sociedade. Nesta liña, o ensino “ten que
transformarse ao abeiro dos cambios tecnolóxicos, prácticos e loxísticos”,
afondou o conselleiro, que subliñou o “modelo de éxito galego” caracterizado
por unha “evolución tranquila” renovando e ampliando plans xa consolidados e
implementando outros novos “para enfrontar os desafíos de hoxe e de mañá”.
Intelixencia artificial
Esta materia, que
se ofertará para 4º de ESO cunha carga lectiva de tres horas semanais, busca
avanzar na alfabetización e na mellora das competencias dixitais dos alumnos,
en liña cos retos marcados na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030.
O conselleiro
Román Rodríguez destacou a súa transversalidade na medida en que “ofrece
coñecementos útiles para calquera disciplina” e, ademais, cobra “particular
relevancia en Galicia” tras o anuncio do establecemento na Coruña da sede da
Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.
No seu currículo
introdúcense aspectos da intelixencia artificial desde unha perspectiva dos
alumnos como futuros usuarios dos sistemas intelixentes. Trátase de adquirir, a
través dun enfoque transversal e coñecementos desta disciplina para que se
familiaricen con ela e desenvolvan habilidades críticas e relevantes para o seu
futuro.
Nesta liña, a
materia estrutúrase en catro bloque: que é a intelixencia artificial, o impacto
da intelixencia artificial (no que se abordarán cuestións como a ética, a
sustentabilidade e os aspecto legais), áreas da intelixencia artificial
(percepción e actuación, representación e razoamento, aprendizaxe automático e
interacción natural) e aplicacións de intelixencia artificial (como a robótica
autónoma ou a Internet das Cousas).
Tecnoloxías intelixentes
Tecnoloxías
intelixentes ofertarase en 1º curso de Bacharelato cunha carga horaria semanal
de catro sesións lectivas e está enfocada a que os alumnos “adquiran
coñecementos básicos de programación, emprego de datos e de estatísticas e
análise de resultados automáticos”. Román Rodríguez salientou o “enfoque
práctico” desta materia a través do uso de programas de procesamento de
datos.
Así pois, o seu
contido céntrase na aprendizaxe automática desde unha perspectiva de
programadores de sistemas intelixentes e brinda ao alumnado uns coñecementos
específicos como aprender a obter e preparar os datos para adestrar sistemas,
empregar técnicas de modelado estatístico, utilizar diferentes tipos de redes
neuronais, manexar librarías dixitais ou avaliar a calidade dos resultados
obtidos por modelos automáticos.
Paralelamente os
estudantes poderán adquirirán outras competencias transversais como pode ser a
resolución de problemas, a toma de decisións nun entorno tecnolóxico ou a
programación en linguaxes de programación de alto nivel.
Estruturado en
catro bloques temáticos, o currículo desta materia abordará os coñecementos
básicos de programación (fundamentos de programación enfocados ao uso de
librarías dixitais), o axente intelixente (abrangue o estudo de áreas da
intelixencia artificial como son a percepción, a actuación, a representación, o
razoamento e a aprendizaxe) e o impacto da intelixencia enfocado ao uso dos
datos (consideracións éticas e aspectos legais en consonancia coas
recomendacións da Unión Europa, así como cuestións de sustentabilidade).
Asesoramento de expertos
Para a
elaboración dos contidos de ambas materias contouse cun equipo de expertos
docentes, das universidades, das empresas e da Xunta de Galicia.
En representación
dos centros educativos participaron Francisco Javier Bellas, catedrático de
ciencia da Computación e Intelixencia artificial da Universidade de Santiago de
Compostela, Juan Francisco Fuentes, catedrático de Informática do Instituto IES
Fernando Wirtz; José Manuel Viñas, asesor do Centro de Innovación Educativa e
Dixital e Sara Guerreiro, doutoranda do departamento de Ciencias da computación
e tecnoloxías da información da Universidade da Coruña.
Por parte da Universidade participou Alberto Bugarín,
que é o coordinador do Grao en Intelixencia Artificial da Universidade de
Santiago de Compostela. Ademais tamén formaron parte do equipo de deseño
curricular profesionais das empresas PMO NTT Data Europe & LATAM e
Deloitte; así como a directora do CESGA; María José Rodríguez.