A I+D da Universidade de Vigo esquiva a crise producindo máis 101 millóns de euros en tres anos

luns, 24 de febreiro do 2014 Redacción

A Universidade de Vigo vén de botar unha ollada cara a atrás, facendo un balanzo do período abranguido entre os anos 2010 e 2013 tirando como conclusións que 101 millóns de euros procedentes da I+D+i foi a cifra ingresada pola institución académica, cantidade que segundo verbas do reitor Salustiano Mato deixa claro que “acadamos o obxectivo que nos propuxéramos malia os tempos convulsos, tormentosos e difíciles” -dixo- en referencia aos recortes operados polo Goberno central en investigación, desenvolvemento e innovación.
Na exposición dos datos de I+D+i, contrapuxéronse as cifras positivas acadadas pola Universidade á “dramática situación que se está a vivir na investigación española”, derivada da progresiva desaparición de convocatorias de proxectos de investigación da administración xeral do Estado, á que se engade a ausencia nos últimos anos de convocatorias de infraestruturas procedentes de financiamento europeo ou do orzamento xeral do Estado, así como as relativas a parques científicos e tecnolóxicos das distintas administracións.
Malia a todo este contexto negativo, a Universidade de Vigo foi quen de incrementar os seus ingresos procedentes de I+D+i ata chegar en 2013 a 31,6 millóns de euros, un 24% máis que en 2012. Salustiano Mato quixo salientar a captación de recursos a través dos proxectos institucionais promovidos polo equipo de goberno e que teñen como obxectivo agregar capacidades de varios grupos de investigación de diferentes eidos e que no ano 2013 acadaron os 15,2 millóns de euros, o que representa un aumento dun 64,4% respecto de 2012. En canto aos ingresos procedentes de proxectos de investigación europeos, estes medraron en 2013 un 66%, acadando os 4,7 millóns, fronte aos 1,6 do ano anterior.
Outras cifras significativas do ano pasado foron as referidas ao volume das actividades de I+D contratadas ao longo de 2013 na UVigo e que ascenderon a 8,5 millóns, 1,2 millóns máis que en 2012. Amais creáronse na institución académica un total de 573 postos de traballo directos e inducidos vinculados á I+D, mentres que o número de actividades de transferencia ascendeu a 155. En canto aos grupos de investigación, que en 2013 se presentaron a convocatorias en concorrencia competitiva, tanto autonómica coma europea, captaron 7,8 millóns de euros para un total de 40 proxectos.