A Fundación Uxío Novoneyra e a Deputación de Lugo achégannos ás novas tendencias en edición

xoves, 1 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo e a Fundación Uxío Novoneyra seguen a dar pasos importantes na súa colaboración cultural e de impulso social, pasos que se suman ao labor conxunto de promoción da nosa literatura (unha promoción que porá en foco onde non chega ou chegou, precisamente, a nosa literatura) anunciado en febreiro. Agora, ambas entidades volven xuntar forzas para organizar un curso de novas tendencias en edición. O curso foi dado a coñecer hoxe pola deputada Pilar García Porto e o xerente da Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novoneyra. Segundo fixeron saber na cita, celebrada no Obradoiro do Libro do CENTRAD, a formación incidirá (entre outras cousas) nos novos xeitos de lanzar literatura ao mercado botando man das novas tecnoloxías dixitais. Tanto para a promoción, a mercadotecnia, a distribución e a comunicación cos lectores, como para o propio produto editorial en si mesmo.
Segundo engadiron, na proposta participarán autores e editores galegos. Ademais, o alumnado terá ocasión de realizar unha antoloxía de nova poesía luguesa, así como unha mostra expositiva da evolución dos soportes-libro, hoxe en día moi abeirados ao dixital (alomenos nalgún elo da cadea de produción).
García Porto avanzou que “esta iniciativa está enmarcada dentro do marco de colaboración que mantemos coa Fundación. Con esta proposta queremos traer á provincia unha formación actualizada nas tendencias de edición literaria de vangarda, con ensino técnico, e contando ademais coa experiencia dos profesionais do sector de maior relevancia de Galicia”. Asemade, explicou que a Deputación é “coñecedora das inquedanzas do mundo da edición literaria, que vén de vivir un período de grande dinamismo, así como das novas propostas que conflúen coa revolución dixital”.
Pola súa banda, Uxio Nononeyra explicou que o curso consta de 60 horas e que está previsto para o mes de abril e para comezos de maio, impartíndose na aula Central do CENTRAD. O obradoiro, engadiu, fica aberto ao público en xeral, que poderá inscribirse (previo pago da matrícula de 90 euros) na web da entidade que preside, uxionovoneyra.com.

PUBLICIDADE