A Fundación Telefónica formou a vinte vigueses en programación con Java

venres, 15 de marzo do 2019 Redacción

A Fundación Telefónica e o Concello de Vigo celebraron hoxe a clausura do curso Desenvolvemento web con Java, impartido pola operadora de telecomunicacións ao abeiro do programa Conecta Emprego da Fundación Telefónica, orientado a formar en competencias dixitais de carácter profesional á veciñanza da cidade. No obradoiro, organizado xunto co Goberno vigués (todo o programa local Conecta Emprego), participaron unha vintena de persoas.
Os asistentes á actividade formativa, maiores de idade e con estudos básicos, medios e superiores (21% ESO e bacharelato, 43% FP grao superior, 14% de licenciatura e grao e 21% de mestrado e posgrao), tiveron a oportunidade de ampliar a súa empregabilidade grazas a capacitárense, no curso, nun eido laboral tan demandado como o da programación Java, co que verán achandado o camiño para conseguir un emprego no ámbito tecnolóxico. De feito, a Fundación Telefónica e o Concello lembraron que dous dos alumnos do obradoiro xa atoparon traballo no sector antes de rematalo.
Ao longo do itinerario de formación, que se celebrou ao longo de tres meses, os alumnos adquiriron coñecementos e habilidades que xa lles permiten desenvolver aplicacións web multiplataforma, utilizando a linguaxe Java. De feito, lembra Telefónica, “hoxe en día programar nesta linguaxe está a converterse nun valor engadido para calquera programador”.
Durante a clausura e entrega de diplomas interviñeron o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director de Relacións Institucionais de Fundación Telefónica, Joan Cruz, quen sinalou a oportunidade da formación en empregos dixitais nunha localidade que é motor de emprego da comarca: “Vigo e os seus concellos veciños son motor do emprego laboral galego e na fundación cremos que este núcleo industrial ofrece un escenario para a nova empregabilidade de primeira magnitude”, comentou.
Polo que se refire a Conecta Emprego, é unha plataforma de formación en competencias dixitais que supón unha oportunidade laboral salientábel, segundo recalca a fundación “polas alianzas establecidas con empresas e organizacións que precisan incorporar ao seu persoal persoal formado en tecnoloxía e desenvolvemento web”. Para os cursos, os alumnos contan coa colaboración das empresas tecnolóxicas da comarca.
O plan de estudos consiste nunha formación troncal, centrada en arquitectura de aplicacións web, que inclúen o seu deseño e integración web, o desenvolvemento da capa cliente, coñecementos sobre o sistema de xestión de datos MySQL e metodoloxías áxiles. Tras realizar os cursos específicos, os alumnos reciben formación en habilidades para a empregabilidade ao longo de todo o itinerario formativo, como o impulso da intelixencia emocional, o traballo en equipo, a marca persoal, a procura de emprego 2.0 ou como realizar unha entrevista de traballo de maneira efectiva.
Durante o tres meses de duración, os candidatos seleccionados reciben tamén unha formación teórico-práctica sobre tecnoloxías e metodoloxías de programación utilizadas na industria e validadas polas empresas colaboradoras. A formación conta coa participación de expertos e referentes no sector da programación.
Como broche final, os alumnos repartidos en equipos realizarán proxectos que parten da necesidade real dunha empresa da Comunidade, coa que colaboran activamente para a súa realización. Todos os módulos formativos son presenciais e ademais os alumnos poden seguir formándose fose da aula. O programa traballa en tres ámbitos: selección, formación e incorporación nas empresas e conta cunha plataforma web.

PUBLICIDADE