A Fundación Telefónica convoca un concurso de programación de apps para Firefox OS

mércores, 2 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A Fundación Telefónica está a organizar uns premios para mozos de entre 18 e 25 anos que teñan unha idea para crear unha aplicación para móbil con Firefox OS, para o que é preciso contar con coñecementos básicos de HTML5 e JavaScript, valorándose que as aplicacións móbiles sexan doadas de usar ou destaquen pola súa calidade técnica e deseño, podendo enmarcándose as candidaturas en 3 categorías: Educativa, Social e Artística/Experimental.
Os rapaces que teñen unha idea de aplicación poderán presentala ata o vindeiro día 20 a través da web da Fundación Telefónica; entre as candidaturas elixiranse 50 proxectos que o 8 de novembro presentaranse publicamente, recibindo formación específica sobre Firefox OS por un experto de Telefónica I+D (completando os coñecementos en programación que xa teñan os participantes); os participantes poderán desenvolver as súas creacións entre o 9 de novembro e o 9 de decembro; e finalmente o 17 de xaneiro desenvolverase un evento final dos Premios Apps FT no auditorio do Espacio FT no que se decidirán os 3 gañadores de cada categoría.
Os participantes nestes premios poderán optar a bolsas para traballar con Telefónica I+D ou Tuenti, así como financiamento para continuar a desenvolver o seu proxecto ou apoio económico para mellorar a súa formación, polo que estamos ante unha boa oportunidade para estudantes de Informática que queiran progresar e mesmo emprender no ámbito das aplicacións móbiles.


Vídeo de presentación dos Premios Apps da Fundación Telefónica