A Fundación TIC emitirá novamente en liña o Concurso Lucus Intercentros

martes, 25 de abril do 2017 Redacción

A Fundación TIC da Deputación de Lugo vén de anunciar que emitirá a través da Rede e en directo, en streaming, a sexta edición do Concurso Lucus Intercentros que se celebra este xoves, día 27 de abril, no IES Muralla Romana. A cobertura da Fundación TIC realizarase por cuarto ano consecutivo e nela participarán novamente alumnos, bolseiros e profesionais da entidade da Deputación de Lugo. A retransmisión en liña desta competición entre institutos poderase seguir a tempo real a través dun banner que se habilitará na web da TIC e do IES Muralla Romana.
Para fornecer a mellor e máis completa cobertura, a Fundación habilitará catro cámaras que ofrecerán “en detalle” a evolución da competición. Nela, para quen non o saiba, participan estudantes de primeiro curso de Bacharelato dos sete institutos de Educación Secundaria que hai na cidade de Lugo. Os traballos da Fundación TIC permitirán que o alumnado destes sete centros poida facer seguimento dende as súas aulas da actividade dos seus compañeiros presentes no certame. Ademais, aqueles estudantes que non se conecten na xornada do 27 de abril teñan a posibilidade de ver o concurso en diferido a través da canle en YouTube da Fundación TIC.
O certame é unha das prácticas do currículo de Asistencia á Dirección na organización de eventos e actos públicos, do Muralla Romana. Da súa organización ocuparanse alumnos de Administración e Xestión, coa colaboración do departamento de Informática, do CIFP Politécnico de Lugo, da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e da Escola de Imaxe e Son de Lugo, EIS.
O Lucus Intercentros busca relacionar a través dunha xornada lúdica aos alumnos e profesores dos institutos de educación secundaria públicos de Lugo. Estes son: Anxel Fole, Leiras Pulpeiro, Lucus Augusti, Muralla Romana, Nosa Señora dos Ollos Grandes, Sanxillao e Xoán Montes.
A colaboración da Fundación TIC nesta iniciativa é froito dun convenio asinado co IES Muralla Romana para promover as ensinanzas que se imparten no instituto lugués e, tamén, para completar a formación dos estudantes cara a súa inserción laboral.

PUBLICIDADE