A Fundación TIC comeza a súa integración coa Deputación de Lugo

xoves, 18 de agosto do 2016 Redacción

A Deputación de Lugo vén de pór en marcha o proceso para integrar no seu seo a Fundación TIC. Así o fixeron saber onte o vicepresidente do organismo provincial, Álvaro Santos, e o deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Soutela, ámbolos dous patróns da Fundación. O anuncio da integración foi dado a coñecer durante unha xuntanza cos traballadores da entidade destinada a informalos da posta en marcha do proceso. Álvaro Santos afirmou que “esta decisión do equipo de Goberno é froito da política de transparencia iniciada pola Deputación coa disolución do Inludes e da Fundación Tor”.
O vicepresidente engadiu perante o persoal da Fundación que o proceso abrolla directamente do compromiso da Deputación a prol “duns servizos públicos xestionados directamente pola administración”
Miguel Ángel Sotuela dixo que “coa integración da TIC na Deputación eliminaranse duplicidades administrativas, optimizaranse recursos e reducirase o gasto corrente”. Ademais, avanzou que “se manterá a finalidade da entidade, coa promoción do uso das novas tecnoloxías na nosa provincia, a cooperación cos Concellos e o apoio ao tecido asociativo”.
A Fundación TIC
A Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) é unha entidade sen ánimo de lucro promovida pola Deputación e sobre a que exerce o protectorado a Consellería de Educación. Ten como obxectivo prioritario promover e levar a cabo actividades dirixidas ao fomento da educación, a investigación e o desenvolvemento das TIC, así como o impulso e consolidación da denominada Sociedade do Coñecemento ou Sociedade da Información, de maneira “que se contribúa a mellorar a formación relativa a estas tecnoloxías na provincia de Lugo”.
Para desenvolver as súas actividades a entidade lucense ten subscritos convenios con medios de comunicación social, institucións, empresas e organismos do sector audiovisual dirixidos á promoción e consecución dos seus obxectivos. Asemade, conta con recursos propios como a Escola de Imaxe e Son, o Centro de Produción de Programas ou a Lugo Film Commission.

PUBLICIDADE