A Fundación TIC adestra nas posibilidades dos móbiles aos maiores de Monforte

mércores, 20 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Seguimos a dar conta das accións formativas no rural, adestrando tecnoloxicamente á poboación de idade, da Fundación TIC da Deputación de Lugo. Se onte falabamos do obradoiro celebrado na Mariña, hoxe é a quenda de achegarnos a Monforte, onde se desenvolve o curso Manexo básico de móbil-smartphone que organiza a devandita entidade da Deputación. No obradoiro fixeron acto de presenza (hoxe) o deputado Miguel Angel Sotuela Vega e o alcalde de Monforte, José Tomé Roca.
Sotuela Vega salientou que “este é un dos varios e exitosos cursos que dende a Fundación TIC de Lugo levamos a cabo por toda a provincia e que pretendemos que continúe a ser desta mesma maneira”.
O dito curso de Monforte diríxese a familiarizar aos asistentes co uso dos ditos dispositivos e a introducilos nas súas principais vantaxes de comunicación e de busca de información e coñecemento en xeral.
O obradoiro insírese no programa de alfabetización tecnolóxica da Fundación TIC para o rural deste segundo trimestre de 2018. Os días pasados as actividades chegaron a concellos como Navia de Suarna, Foz, Xermade, Ribeira de Piquín, Baleira e Fonsagrada, amais da comarca da Mariña. En todas as citas estase a conseguir un alto nivel de participación, o que demostra, en palabras da Deputación, “o interese que hai por parte dos maiores sobre a utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa calidade de vida”.
O cursos na provincia son sobre o uso do móbil e Internet, as materias máis demandadas polos usuarios do InLugo da TIC.
En total, este segundo trimestre achéganse 1.085 prazas nas 81 accións formativas que imparte a entidade, tanto na sede de seu como na provincia. Segundo explica o Goberno provincial, esta cifra supón un incremento do 60% con respecto á tempada anterior.

PUBLICIDADE