A Fundación RIA reivindica na web do Laboratorio Ecosocial do Barbanza o potencial innovador dos usos antigos

venres, 5 de xuño do 2020 S. P.

A Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA), impulsada polo arquitecto inglés afincando en Corrubedo, David Chipperfield, vén de pór en marcha a plataforma online do seu Laboratorio Ecosocial do Barbanza, barbanzaecosocial.org, a faciana visíbel deste proxecto creativo e participativo de dinamización e, tamén, un punto de encontro para intercambiar achados, información e recursos sobre como crear nova riqueza botando man de todos os históricos elementos sociais, naturais, arquitectónicos, turísticos, etnográficos, culturais e produtivos cos que contan os nosos concellos dende tempos inmemoriais.
Que é o Laboratorio Ecosocial do Barbanza?
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é unha iniciativa promovida pola Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA) en colaboración co grupo de investigación HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela, grazas ao financiamento da Fundación Banco Santander e o apoio da Cátedra Juana de Vega. A iniciativa ten unha duración de dous anos e busca “dar visibilidade e apoio a aproveitamentos do territorio que contribúan á súa sustentabilidade ambiental, social e económica”. Tamén busca “demostrar que son posíbeis e desexábeis modelos de protección que favorezan ou desenvolvemento de prácticas agrogandeiras e forestais respectuosas co medio e innovadoras”.
Tres áreas de actuación
Para alcanzar o devandito obxectivo, o Laboratorio centra a súa actividade en tres áreas da península do Barbanza: os montes Barbanza, Enxa, Xian, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado, xestionados pola Comunidade de Montes veciñais en Man Común de Baroña, no concello de Porto do Son; o monte de Froxán, xestionado pola Comunidade de Montes veciñais en Man Común de Froxán, no concello de Lousame; e por último as Brañas de Laíño, en Dodro.
Tras este primeiro ano de andaina, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza concluirá coa elaboración dun Atlas de Aproveitamentos Sustentábeis, unha escolma de coñecemento histórico e actual, na súa meirande parte de raizame popular e participativa, no que se avalíen as prácticas de aproveitamento do territorio segundo criterios de sustentabilidade e innovación. O segundo ano buscarase impulsar prácticas que cumpran con estes criterios mediante apoio técnico e económico.
Actividades desenvolvidas nos últimos meses
A Fundación RIA lembra que nos meses de xaneiro e marzo, con anterioridade á situación extraordinaria de crise pola COVID-19 que estamos a vivir, a entidade e o grupo de investigación HISTAGRA deron pasos importantes no seu traballo conxunto, tomando datos directos do proxecto e realizando saídas de campo que incluíron máis dunha quincena de entrevistas a habitantes de Baroña, Froxán e Laíño; e visitas aos arquivos dos tres devanditos municipios da comarca. “Tentamos que a maior parte das persoas enquisadas fosen maiores de 70 anos, para que a través das súas lembranzas e de todo aquilo que os seus pais e nais lles transmitiron, puidesen falar dunha época na que no monte realizábanse unha grande variedade de actividades, todas elas interrelacionadas”, explican os investigadores de RIA e HISTAGRA, engadindo que a través destas persoas “foinos posíbel aprender moito sobre usos e procesos, coñecendo o tipo de aproveitamentos agrogandeiros e forestais que se levaban a cabo nestes lugares, cales deixaron de levarse a cabo e que dificultades impediron a súa continuidade”.
Asemade, acadáronse datos de valor sobre as relacións que se daban entre distintas partes do territorio, identificando patróns que se repiten nas tres localizacións. “Coñecer o pasado destas comunidades e entender as lóxicas que as facían sustentábeis e autosuficientes é clave para promover a súa reactivación e deseñar estratexias de futuro”, fan saber os investigadores, lembrando que a partir de marzo foi necesario interromper o traballo e mailas entrevistas, unha liña de acción que agardan poder retomar en datas vindeiras.

Participantes nas entrevistas realizadas polos investigadores


Respecto dos recursos que se están a envorcar na plataforma online, o grupo HISTAGRA filtrou toda a información recompilada nas entrevistas (que poderán ser consultadas no arquivo dixital Terra e Memoria), organizándoa en base a temas, como a produción, o manexo agrogandeiro e forestal, a comercialización, a gobernanza comunitaria, a identidade e a cultura. Seguindo este fío elaboráronse nove artigos que xa están dispoñíbeis a través da sección Investigación da web do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.
Segundo fan saber dende RIA, a intención é ir publicando cada pouco novos artigos elaborados polo propio equipo do proxecto ou por expertos convidados, “de tal xeito que a páxina web poida converterse nun lugar do encontro de múltiples voces”.
A páxina web barbanzaecosocial.org
A páxina web do Laboratorio Ecosocial do Barbanza ten a vontade de chegar a múltiples audiencias. En primeiro lugar, ás persoas próximas ás áreas de estudo, que recoñecerán gran parte das prácticas que se mencionan e que levaban a cabo na súa contorna. O contido tamén está dirixido á comunidade científica, que atopará no Laboratorio Ecosocial do Barbanza un acubillo sempre e aberto e dispoñíbel de información baixo o que poder desenvolver futuras investigacións e proxectos. Por último, será unha ferramenta de utilidade para as administracións públicas e as entidades privadas relacionadas coa planificación do territorio, facilitándolles claves que lles permitan impulsar estratexias e accións nas que a sustentabilidade sexa unha premisa.
A web está accesíbel en galego e castelán (e proximamente estarao en inglés) e, como dixemos, inclúe 9 artigos elaborados entre HISTAGRA e Fundación RIA acompañados por gráficos, mapas, vídeos e ligazóns a outros artigos propios ou páxinas externas.

PUBLICIDADE