A Fonsagrada recibe con éxito o apagamento analóxico

luns, 7 de abril do 2008 Marcus Fernández

Un cativo axudou ao presidente da Xunta a escenificar o salto á TDT

O pasado sábado a Fonsagrada viviu o apagamento da televisión analóxica nun ambiente festivo, posto que a vila luguesa foi a primeira de toda España en completar a transición á televisión dixital terrestre.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, conduciu o acto de presentación do salto á nova televisión, destacando o empeño do Goberno galego no reequilibrio territorial e coa incorproación da nosa comunidade á sociedade do coñecemento.
Ao acto tamén asistiron o secretario de Estado de Telecomunicacións, Francisco Ros; a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino; o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela; o secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado; e o alcalde da Fonsagrada, Argelino Fernández.
Así, o concello da Fonsagrada, «que nunca recibiu a televisión do século XX en condicións aceptables, convértese hoxe no primeiro concello de España en acceder á televisión do século XXI», segundo comentou o presidente da Xunta, quen destacou que as condicións orográficas e demográficas do municipio lugués fan del «un excelente laboratorio dixital, o maior banco de probas para a implantación da televisión do futuro».

Informe sobre o despregue da TDT en Galicia elaborado por Retegal

Touriño apuntou que A Fonsagrada é o concello máis extenso de Galicia, cunha superficie de máis de 438 quilómetros cadrados e unha poboación dispersa en máis de 200 núcleos, que xunto coa fisionomía de montañas e vales dificultan o transporte do sinal televisivo, constituíndo «un triplo desafío loxístico, técnico e financeiro» que foi afrontado polo operador público Retegal, que conta cunha rede de emisoras que fornece de sinais de televisión aos pequenos núcleos do medio rural tanto da Fonsagrada coma do resto do territorio galego, onde tamén se están a adaptar as infraestruturas para a TDT.

PUBLICIDADE