A Festa da Filloa de Lestedo deu o chimpo ao mundo virtual

luns, 22 de febreiro do 2021 Sandra Rivadulla

A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, co-impulsada polo Concello de Boqueixón, vén de celebrar a 38º Edición da Festa da Filloa cunha versión online. A conmemoración realizouse a través de fotografías en liña sobre as filloas.
A Festa da Filloa contou cun certame fotográfico que recibiu máis de medio centenar de imaxes. Ditas fotografías se difundiron a través do Facebook oficial da celebración. Deste xeito, abriuse un período de votacións e as tres imaxes que acumulen máis likes gañarán varios premios. A fotografía mellor valorada, que será dada a coñecer estes días, recibirá 200 euros, mentres que as outras dúas levarán un vale de 100 e 50 euros.
Doutra banda, a programación desta festa incluíu a estrea dun atranque virtual dos Xenerais da Ulla de Lestedo, protagonizado por Uxía Canabal Peón e Xulián Vázquez Canabal, que conformaron o relevo xeracional deste Entroido.
Ademais, a Asociación Cultural da Festa da Filloa estreou unha páxina web sobre a celebración, na que aparece dende información xeral ata como elaborar estas sobremesas tan especiais.

PUBLICIDADE